Carballo a un paso

Compartir:

Carballo renova as súas tres Bandeiras Azuis

O distintivo de ecocalidade turística volverá a ondear este verán nas praias de Razo, Baldaio-As Saíñas e Pedra do Sal

Praia de Razo

Praia de Razo | 📷 Turismo Carballo

Un ano máis o distintivo "Bandeira Azul" acredita a boa calidade das augas de baño, dos servizos e da limpeza de tres das praias de Carballo: Razo, Baldaio-As Saíñas e Pedra do Sal. A Adeac (Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor) acaba de anunciar as praias que poderán ondear a bandeira este verán, e 3 das 107 concedidas a Galicia, estarán no noso municipio. Pero ademais de acreditar a ecocalidade turística cos distintivos como o de Adeac e con certificados europeos como o ISO 14001 e o EMAS, este ano tamén é preciso adoptar medidas que eviten a propagación da COVID-19. Neste sentido, as praias de Carballo estarán dotadas do equipamento preciso para garantir a protección de bañistas e socorristas.

Este verán intensificaranse as medidas de seguridade e hixiene para previr o contaxio da COVID-19

Ademais, durante todo o verán, do 1 de xuño ao 15 de setembro realizarase a limpeza diaria das praias e as súas zonas de influencia, incluído o baleirado das papeleiras. A limpeza realizarase entre as 06.00 e as 11.00 horas, de luns a venres, e ata as 10.00 horas, os sábados, domingos e festivos. Tamén será diaria a limpeza das casetas dos postos de vixilancia, mentres que no local de Protección Civil realizarase semanalmente. A empresa terá que contar polo menos cunha persoa na praia de maneira permanente para que os aseos estean sempre limpos.

Sendeiro azul de Razo-Baldaio

Ademais de renovar a Bandeira Azul para 3 areais, un ano máis contaremos tamén co distintivo de Sendeiro Azul para a Senda do Mar Razo-Baldaio. Transcorre por boa parte do noso litoral por parroquias como Lema, Noicela, Vilela, Rebordelos ou Razo e inclúe a visita a varios miradoiros, ao complexo dunar de Razo-Baldaio, á praia de Razo, á ermida de Santa Irene ou á capela de Santa Mariña.

Pasa tamén, por suposto, pola lagoa de Baldaio, incluída na Rede Natura 2000 e un dos humidais máis importantes de Galicia. A marisma formouse no Cuaternario, debido a unha falla que atravesa Galicia de norte a sur. Esta gran falla forma a Depresión Meridiana que fixou tamén a Férveda de Entrecruces.

⬇️⬇️⬇️ Máis abaixo podedes ver nun mapa os lugares por onde transcorre a senda.


Feader Ministerio de agricultura, alimentación y medio ambiente Xunta de Galicia Deputación da Coruña Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atlántica