Carballo a un paso

Compartir:

"Emoción fonda, esa é a clave da miña pintura"

Xulio García Rivas, pintor

Xulio García Rivas no seu estudo. Foto de Maribel Longueira.

Xulio García Rivas no seu estudo. Foto de Maribel Longueira.

"Son e non son". Con este verso do escritor Francisco Fernández Naval séntese especialmente identificado Xulio García Rivas, pintor e profesor no IES Alfredo Brañas de Carballo. As súas pinturas retratan, mais tamén suxiren. En varias das que agora expostas en Carballo, a Costa da Morte ten protagonismo especial. Podes velas no terceiro andar do Pazo da Cultura, de balde, até o 1 de marzo (todos os días da semana, de 18.00 a 21.00h).

-Como xorde a idea de expoñer no Pazo da Cultura?

-Participei o ano pasado como xurado no certame de fotografía Xosé Manuel Eirís, e a sala pareceume interesante. Encantoume cando a vin en directo. Gústame que se poida observar a estrutura que ten o edificio na parte de arriba, no baixo cuberta. Paréceme un espazo moi bo para unha exposición como esta, en papel, en formato grande.

-O espazo determinou dalgúnha maneira a exposición?


-Eu tiven moi en conta o espazo. Pintei varias obras de formato grande, polo menos cinco ou seis que foron creadas ex profeso para esta mostra. Foron inseridas na serie "Treboadas na Costa da Morte", na que estou traballando dende o ano 2012-2013.

-Dalgunha maneira está presente Carballo nos cadros que expós?

-Hai na mostra un cadro máis escuro, co que estou moi satisfeito, titulado "Paisaxe nocturna na Costa da Morte para Friedrich", que é un pintor que me interesa moito. A min recordame, dende logo, un anoitecer na praia de Baldaio ou en Razo.

Pintura e poesía

"A miña pintura, na mancha imprecisa, suxerente e máis sutil, préstase a moitas interpretacións."

-Carballo, para ti, é o teu lugar de traballo...

-Si, traballo no instituto Alfredo Brañas dende 2008.

-Que din os teus alumnos e as túas alumnas do feito de ter un profe pintor que expón na súa vila?

-Non sei se moitos se enteraron do asunto. O día da inauguración había algún alumno, e aledeime moito de velos. Son rapaces que teñen moitas cualidades para as artes plásticas.

-Tes dito de ti mesmo que es un pintor de luz artificial. A que te refires?


-É só unha anécdota que xurdiu da visita do pintor Fernández Naval ao meu estudo e que el deixou reflectido no seu blog. Diferenciaba un crítico de arte entre aqueles artistas que pintan con luz natural e os que o fan con bombilla, con luz artificial como facía, por exemplo, Francis Bacon. Eu necesito ter as fiestras pechadas aínda que pinte de día. Nos meus inicios, levaba o meu cabalete comigo e pintaba do natural, mais agora pinto no estudo con luz artificial.

-A exposición leva por título "Pintura sobre papel" e todas as obras están pintadas neste soporte, mais non é este o único que utilizas no teu traballo creativo....

-Teño tamén obra sobre lenzo e sobre madeira. Nos meus inicios pintaba con acuarela, ao natural, e despois pasei a pintar con lenzo e con óleo, e deixei a acuarela de lado. Agora volvina retomar, primeiro en formato pequeno e despois en formato grande. As da exposición son pinturas con moitísima auga, que teñen aspecto de acuarela malia a ser acrílico.


-Para o catálogo da obra escriben exprofeso vari@s poetas. Cal é para ti a relación da poesía coa pintura?

-Estou convencido de que a relación da poesía coa pintura é moi íntima. Son semellantes coa diferencia de que a pintura utiliza a cor, a luz, a textura e os espazos, mais o sentimento, e as sensacións que se transmiten, son moi similares. Os poetas que eu coñezo captan o espíritu da mostra tan pronto e tan ben que é impresionante, moito mellor ca un crítico. Entran no cerme do que é a pintura, na súa esencia.

Ser e non ser

Xulio García Rivas. Foto de Maribel Longueira

Xulio García Rivas. Foto de Maribel Longueira

-E se ti tiveras que describir, como un poeta, as túas obras con verbas, cales escollerías?

-Emoción fonda. Eu creo que esa é clave na miña pintura: o sentimento, a emoción.

-A que poetas te sentes máis próximo nas obras desta exposición?

-A todos os que están presentes neste catálogo. Todos tratan moi ben o meu traballo. Seguramente o verso de Xusto Fernández Naval, que di "Son e non son" reflicte moi ben a miña pintura. Admiro a todos eles e estou moi emocionado co que fixeron, de que a miña obra sirva para que escriban estas cousas. Xosé María Álvarez Cáccamo, Marga Doval, Fernán Vello, Xusto Fernández Naval, Antonio García Teixeiro, Maria Xosé Queizán, Xavier Seoane e Eva Veiga, que son todos os que escribiron para o catálogo, estiveron antes no meu estudo, charlando comigo e vendo a obra, e logo elaboraron os poemas, as súas impresións.

-Por que sentes identificada a túa obra con eses versos de Fernández Naval, "Son e non son"?


-Porque a miña pintura, na mancha imprecisa, suxerente e máis sutil, préstase a moitas interpretacións. Son paisaxes, pero poden ser outras moitas cousas. Os espectadores poden reintrepretar as obras como queiran.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica