O Anllóns
Paseo urbano do río Anllóns
O Anllóns perfila, ao seu paso por Carballo, o rostro máis fermosa da vila: o paseo á beira do río
O río Anllóns nace na serra de Montemaior, cruza a nosa vila dun a outro extremo e morre á beira do mar, entre Ponteceso e Cabana, no estuario do Anllóns. En Carballo, as marxes do río foron recuperadas hai uns anos para o paseo e o lecer, dende o muíño do Quinto até a parroquia veciña de Bértoa, e conforman hoxe en día un traxecto de aproximadamente sete quilómetros ida e volta, polo que as xentes da vila adoitan pasear de vagar no seu tempo de lecer.
Paseo urbano do río Anllóns
Se te animas a adentrarte por estes camiños, has de saber que un dos puntos máis atractivos do percorrido é o Bosque do Añón, onde a típica vexetación da ribeira (ameneiros, salgueiros, freixos…) se mestura coas nosas árbores máis emblemáticas, os carballos.
O bosque do Añón conta con outro encanto engadido: evócanos romarías de antes e de agora. Cando a xente aínda non tiña por costume acudir en masa ás praias para refrescarse dos calores do verán, era o río o espazo protagonista do tempo de ocio no estío. Alí, no bosque do Añón, aínda se segue a celebrar todos os anos, ao final do San Xoán, a Festa do Bosque.
É recomendable a visita ao refuxio de Queo e ao muíño da Cheda, na parroquia veciña de Bértoa, sobre todo na primavera e no verán, cando a natureza volve encher de vida e cor estes dous pequenos bosques de ameneiros á beira do Anllóns.
Detalle paseo do río Anllóns
No refuxio de Queo, ao que tes acceso dende a estrada que vai de Carballo á Coruña, atoparás un espazo recreativo con mesas e bancadas, idóneo, ao igual que a Cheda, para a celebración de festas campestres. Nas augas do río, as e os afeccionados á pesca poderán encontrar troitas e, en menor medida, salmón e reo.
Non lonxe de Carballo, xa no concello veciño de Coristanco, atoparás outro lugar de gran beleza á beira do Anllóns, o refuxio de Verdes. A augas do río divídense alí en varios ramais conformando pequenos illotes unidos por pontes, e podemos ver aínda en pé varios muíños, nos que, durante anos e anos, a auga cargou co traballo de arrastrar coa súa forza as moas de pedra para desfacer o gran.