Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Tres bandeiras azuis e un sendeiro azul para a...

Compartir:

Tres bandeiras azuis e un sendeiro azul para a costa de Carballo!

Ademais, as nosas praias tamén contan co ISO 14001 e o Certificado do Esquema Europeo de Ecoxestión e Auditoría (EMAS)

Izado da Bandeira Azul en Baldaio

Izado da Bandeira Azul en Baldaio | 📷 Concello de Carballo

5 de xullo de 2021 - O distintivo da Bandeira Azul, que concede cada ano a ONG Adeac (Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor), volve a ondear en 2021 en tres das praias de Carballo: Razo, Baldadio-As Saías e A Pedra do Sal. A bandeira recoñece a boa calidade das augas de baño, dos areais e dos servizos que prestamos aos usuarios e usuarias. Ademais, en Carballo tamén certificamos as nosas praias co ISO 14001 e o Certificado do Esquema Europeo de Ecoxestión e Auditoría (EMAS), que implican un compromiso coa prevención da contaminación, a mellora continua do areal, a xestión de residuos e a atención aos usuarios e usuarias. O sábado 3 de xullo izáronse os dinstintivos que recoñecen os valores do noso litoral e que veñen concedéndose dende hai anos.

O Sendeiro Azul percorre a costa carballesa polos seus principais miradoiros e puntos de interese

Ademais, tamén se colocou na Pedra do Sal o diploma do Sendeiro Azul que distingue a calidade dunha ruta costeira na que poden verse todos os segredos da nosa faciana marítima. Porén, este ano non só están representados os valores medioambientais e turísticos dos nosos areais, senón tamén outro tipo de valores que queremos que identifiquen á totalidade do territorio do concello de Carballo. Por iso, tamén se izou na praia de Razo a bandeira multicolor que simboliza as reivindicacións dos colectivos LGBTIQA. Nos vindeiros días tamén se colocarán colectores de vidro coas cores do arco da vella.

Actividades nas praias durante o verán

Por outra banda, co obxectivo de seguir impulsando o aproveitamento sostible da nosa franxa costeira, ao longo do verán tamén se levarán a cabo outras actividades. Por exemplo, o programa de turismo consciente Eu❤️ Razo-Baldaio cunha serie de obradoiros, rutas, andainas, etc. Tamén volverá pronto a campaña anual de volei-praia e durante a primeira quincena do mes de xullo celébrase a Praia dos Libros, para favorecer a lectura este verán. Son propostas que se suman ao surf, a pesca deportiva ou o baño, para gozar este verán das nosas praias. Ademais, as cinco zonas de baño do noso litoral que están controladas sanitariamente (A Pedra do Sal, Razo, Arnados, Ría de Baldaio e As Saíñas) acadaron a cualificación de excelente, segundo a clasificación sanitaria remitida pola Consellería de Sanidade e 30 socorristas velan pola seguridade nas praias.

Así que, xa sabedes, só tendes que coller a toalla e visitarnos!


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica