Carballo a un paso

Compartir:

As nosas praias: destino de lecer todo o ano

A pesar do mal tempo, os areais da costa carballesa rexistran unha elevada afluencia todo o verán, e tamén máis aló do período estival

Surf en Razo

Surf en Razo

6 de outubro de 2021 - “Temos que cambiar o concepto que temos de Razo-Baldaio, porque xa é un espazo de lecer para todo o ano, e nesa liña imos traballar dende a área de Praias”. Así explica Javier Souto Facal, coordinador de Protección Civil de Carballo, a elevada afluencia que está experimentando a costa carballesa no verán, pero tamén máis aló do período estival. Nunha rolda de prensa na que se fixo balance do verán, Souto subliñou, ademais, que a xente visitou as nosas praias "a pesar do mal tempo. Xullo e setembro foron meses malos no que respecta ás condicións meteorolóxicas, e só agosto salvou un pouco a tempada. Aínda así, se houbese un contador á entrada das praias, as cifras de visitantes serían de récord". “Estamos ante unha nova realidade –explica o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero- que tamén se ve na aposta da iniciativa privada por este espazo, que xa é un punto de encontro para o surf, para o ocio e tamén para desfrutar cos amigos e coa familia”. E a todo iso súmase a singularidade medioambiental do litoral carballés “que é un recurso que debemos aproveitar”, engade o Concelleiro de Medio Ambiente Miguel Vales.

O programa Eu❤️ Razo-Baldaio leva tres anos fomentando o coidado do medio ambiente e o turismo consciente

Ante esta realidade, as políticas do Concello de Carballo en materia de praias adáptanse para dar resposta ás necesidades derivadas dos diferentes usos que ten o noso litoral. Así, por exemplo, a extensión do abastecemento de auga permite utilizar xa a rede pública nos aseos e duchas de Razo, e a próxima tempada tamén en Baldaio. Carballo é tamén un dos poucos concellos galegos nos que a Unidade de Salvamento Acuático funciona durante tres meses, ademais de ser dos primeiros en poñer en marcha o servizo. "Contamos cun servizo de limpeza operativo todo o ano, con distinta intensidade segundo as épocas, e ademais tres bandeiras azuis, certificados ISO e EMAS, e o distintivo Sendeiro azul , ademais "dunha calidade excelente das augas en todas as zonas de baño”, engade Vales.

Condicións medioambientais únicas

Ademais dos servizos, Razo e Baldaio ofrecen condicións medioambientais únicas. Dalas a coñecer para que as persoas usuarias “respecten os distintos usos” é, como sinala Javier Souto, o gran reto ao que se enfronta o servizo. Nese sentido hai que subliñar a posta en marcha do programa Eu❤️ Razo-Baldaio que leva tres veráns fomentando valores medioambientais e creando hábitos de turismo consciente no litoral de Carballo. Desenvólvese en colaboración coas agrupacións ecoloxistas Senda NovaHábitat e Adega, con moi boa acollida. O pasado verán tamén se levou a cabo unha campaña en colaboración co Seprona para fomentar o respecto polas zonas de aniñamento da píllara das dunas, unha especie protexida que temos a sorte de ter no noso concello, e que polo tanto debemos coidar. Outro aspecto no que se está a traballar é o da ordenación dos usos, a través dos plans especiais que están en tramitación, e na mellora da imaxe turística a través de normativas como o estudo da fachada de Razo ou accións de renovación do mobiliario urbano como a que se vai acometer nos próximos meses coa substitución de 1.200 metros de pasarela de madeira, cun investimento de 175.000 euros.

O aumento da afluencia tamén se reflicte nos datos rexistrados pola Unidade de Salvamento e Socorrismo no seu balance anual, con 366 atencións de botiquín ou 9 salvamentos realizados. Todo isto pon de relevo a importancia do litoral carballés como un destino de referencia máis alá da época estival.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica