Carballo a un paso

Compartir:

Un escaravello autóctono das nosas praias convértese en escultura

Un ano máis o programa Eu ❤️ Razo-Baldaio simboliza a protección da natureza rendéndolle homenaxe a especies do noso litoral

Nebria das praias no miradoiro de Santa Irene

Nebria das praias no miradoiro de Santa Irene | 📷 Concello de Carballo

NOVAS RELACIONADAS:

- A píllara das dunas convértese en escultura para defender a protección da natureza
- Un arroaz de plástico reciclado navega na Pedra do Sal

13 de xullo de 2021 -
 No ano 2019 foi a píllara das dunas; no 2020, o arroaz; e no 2021, a “nebria das praias”: tres especies animais moi diferentes e que, sen embargo, teñen en común que forman parte da fauna da costa carballesa e que, a través das esculturas colocadas en Razo, Pedra do Sal e o miradoiro de Santa Irene en Castrillón (Lema), convértense en símbolos da sustentabilidade que queremos para o noso litoral. A escultura da Eurynebria complanata, ou nebria, inaugurouse o sábado 10 de xullo en presenza do seu autor, o artesán Fabián Lage. Ao igual que nas figuras anteriores, aproveitouse material reciclado para realizar a obra: o corpo do xigantesco insecto, de case unha tonelada de peso, está formado cos troncos de dúas árbores enfermas que houbo que cortar no xardín da Milagrosa. “Cortáronse, saneáronse e empatáronse ao medio cunha mestura de acha e cola –explica o artista-. As patas están feitas con restos dos antigos enreixados de cor vermella que había no xardín da Praza do Concello, e o resto son anacos de metal vello e oxidado”.

O autor da escultura é o artesán Fabián Lage, que tamén participou na elaboración da píllara e do arroaz

Á inauguración asistiron, ademais do autor da escultura, a concelleira de Medio Ambiente Maruxa Suárez e as persoas participantes na ruta para coñecer a flora e a fauna de Baldaio que realizou esa mesma mañá o Grupo Naturalista Hábitat dentro do programa Eu ❤️ quero Razo-Baldaio. Jorge Ramos, guía da entidade ecoloxista, salientou a elección da “nebria das praias” porque “non debe haber moitas esculturas de escaravellos en todo o territorio nacional nin en Europa”, e explicou que esta especie está presente en distintos puntos de Europa e mesmo no norte de África, “e é algo que nos ten que unir a prol da conservación da natureza, e de espazos coma este de Razo-Baldaio, que son moi emblemáticos pero tamén moi fráxiles”. Jorge Ramos asegurou que o espazo natural de Razo-Baldaio é “único en Europa”, e que a Eurynebria complanata tamén é unha especie única. “A limpeza excesiva das praias está acabando coas pulgas, e coa nebria das praias, que se alimenta delas. E a píllara das dunas tamén depreda sobre a nebria, o que fai un efecto dominó que pon en risco todo o ecosistema das praias. Baldaio non é un parque infantil, senón un ecosistema”, subliñou.

Maruxa Suárez, pola súa banda, explicou que se escolleu o miradoiro de Santa Irene para colocar a escultura porque “queremos poñer en valor este lugar marabilloso, que pensamos que non é suficientemente coñecido”, e dende o cal, ademais, hai unha fermosísima panorámica do hábitat da Eurynebria complanata. Seguide o seu consello e achegádevos! Paga moitísimo a pena.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica