Carballo a un paso

Compartir:

Volve a Praza dos Libros: moito máis que literatura!

Do xoves 11 ao domingo 14 de xullo o Xardín Municipal de Carballo convive con letras, música, obradoiros, folclore ou gastronomía

Literatura, música, obradoiros, gastronomía e grandes nomes das letras galegas actuais. Todo iso poderedes atopar nunha nova edición da Praza dos Libros, a feira da creatividade cultural de Carballo. Son 14 anos xa dunha cita pola que pasarán un feixe de escritoras e escritores, dende a pregoeira, María Reimóndez, ata Manuel Rivas ou Anxo Moure, Magín Blanco, María Canosa, Concha Blanco, Daniel Asorey, Diana Fernández, David Díaz, Xoán Curiel, Ledicia Costas, Fernando Fernández Rego, Manel Cráneo, Diana Varela, Pakolas, José Antonio Andrade, Ana Cabaleiro, Ramón Vilar, Aldaolado... E tamén os da casa: Alberto Varela Ferreiro, Xan Fraga, Isabel Villanueva, Laura Tova, Miguel A. Alonso Diz, Fernando Calvo Trincado, Xabier Maceiras...

Literatura e música fundidas nun programa que mestura cantidade e calidade. Tamén estará presente a gastronomía, e non só pola proximidade dos produtos da horta que se venderán no mercado do xoves e na feira do domingo ao mesmo tempo que se celebra a Praza dos Libros, senón tamén porque o xoves con cada libro que merques entregaranche unha lata de atún Calvo, claro; e o domingo, un moletiño de Pan de Carballo!

Dez postos

Todas as compras nas casetas das librarías terán un desconto dun 10 por cento, en horario de 11 a 14 e de 18 a 22 horas

Porén, os auténticos protagonistas da Praza dos Libros sempre son as libreiras e os libreiros. Este ano participan Á lus do candil (Arteixo), Lila de Lilith (Santiago) e as carballesas Brañas Verdes, Ler, Trasgo, Teldy e Punto e Coma, ademais de Demo e Phottic. E, por suposto, as nosas bibliotecas, onde poderás, entre outras cousas, recoller os premios que che toquen nas tarxetas rasca: camisolas, chapas, libros, chaveiros, mochilas... Tendes ata dez postos para gozar da lectura, cun horario de apertura de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 20.00 horas.

Ademais, os libros en Carballo non só veñen cun pan debaixo do brazo, senón tamén cun desconto do 10 por cento! Non hai excusa para non pasarse e gozar das actuacións, presentacións, obradoiros e todas as citas desta 14 Praza dos Libros de Carballo. Agardámosvos!


Descargas

Feader Ministerio de agricultura, alimentación y medio ambiente Xunta de Galicia Deputación da Coruña Galicia Agader