Carballo a un paso

Compartir:

Descubre e quere a nosa costa!

O programa Eu quero Razo-Baldaio nace para protexer e coidar o noso litoral cun amplo programa de actividades de balde para coñecelo mellor

Razo

Praia de Razo

Se queres coñecer mellor a nosa costa, aprender a coidala e protexela para que siga a ser un paraíso natural por moitos anos máis, se che gustan as actividades ao aire libre e vas estar por Carballo este verán, xa tes plan! Podes apuntarte ao programa Eu quero Razo-Baldaio. Todas as citas son de balde e tendes dende rutas culturais, xeolóxicas ou interpretativas de especies coma a píllara das dunas, ata observacións ornitolóxicas, obradoiros de biodiversidade, saídas nocturnas, retirada de especies invasoras e xornadas de limpeza dos areais, bioblitz nas micro-reservas de flora ou un taller de creación de micro-reservas.

As citas son gratuítas, pero teñen prazas limitadas: inscribídevos o antes posible para non perder nada!

Eu quero Razo-Baldaio nace como un programa de valorización do litoral organizado polo Concello de Carballo en colaboración coas entidades de defensa e coidado do medio ambiente que veñen actuando na contorna nos últimos anos: Adega, Hábitat e Senda Nova. O obxectivo principal do programa é dar a coñecer o noso litoral para que así aumente o interese por coidalo e protexelo. Todas as actividades teñen un número de participantes moi reducido, debido ao interese por non degradar o espazo natural, co cal todas aquelas persoas tanto de Carballo como de fóra deberán inscribirse online na páxina web do proxecto o antes posible.

Mércores e sábados de xullo, agosto e setembro

Eu quero Razo-Baldaio

As citas desenvolveranse todos os mércores e sábados dos meses de xullo, agosto e setembro, e tamén algún domingo. Ademais das actividades realizadas en colaboración con estas entidades, desde o Concello tamén se realizarán outras actividades para promover o coidado das praias, entre as que destaca un obradoiro de cestaría proposto para os días 11 e 12 de xullo. Este interesante obradoiro estará impartido por Idoia Cuesta, unha artesá con recoñecida traxectoria e premios internacionais que realizará un taller de vimbio sobre unha escultura con forma de píllara deseñada polo artesán carballés Fabian Lage. O obxectivo desta intervención artística será concienciar ás persoas que asistan á praia de Razo do mal que os plásticos lle están facendo ao mar.

Para formalizar as inscricións só tendes que acceder á web do proxecto e buscar na sección "Axenda" a cita na que queredes apuntarvos. Alí atoparedes a descrición de cada unha das actividades: en que consisten, a quen van dirixidas, cando e onde se celebrarán, número de prazas, cal é a entidade que coordina e, moi importante, unha ligazón directa ao formulario de inscrición para que poidades realizalo online. A primeira acción, por exemplo, será a ruta “Segredos culturais da costa carballesa”, guiada por Senda Nova, que permitirá ás persoas participantes coñecer o patrimonio das nosas parroquias costeiras. Celebrarase o día 3 de xullo, de 10.30 a 13.30 horas, e poden participar persoas de calquera idade ata un máximo de 40.

CALENDARIO COMPLETO DE ACTIVIDADES

Xullo

AgostoSetembro


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentación y medio ambiente Xunta de Galicia Deputación da Coruña Galicia Agader