Ruar e rir 2: “as esencias da cidade lévalas dentro dos zapatos”
Alumnado dos institutos de Carballo volverá a pintar os pasos de peóns da vila con frases orixinais e filosóficas con motivo do Día das Letras Galegas
Alumnado do IES Monte Neme pintando os pasos de peóns
Volve Ruar e rir, a iniciativa que o Concello de Carballo puxo en marcha no 2015 para darlle vida aos pasos de peóns da vila con frases que dotaron as rúas de mensaxes para provocar reflexións, preguntas ou mesmo para amosar que as cidades tamén forman parte das nosas vivencias íntimas e colectivas. Agora, con motivo do Día das Letras Galegas e cun marcado fin pedagóxico, xorde Ruar e rir 2. Desta volta, a iniciativa adquire un novo significado, xa que as 18 frases que agora se pintarán nos pasos de peóns nacen dun proceso creativo no que participaron alumnas e alumnos de 2º de Bacharelato do IES Alfredo Brañas e de 4º da ESO do IES Monte Neme.
Desta volta a iniciativa ten un fin nomeadamente pedagóxico, convidando ás alumnas e alumnos a pensar e reflexionar
O proceso levouse a cabo en varias sesións co alumnado en cada un dos institutos colaboradores, nas que, baixo a coordinación do sociólogo Santiago Pazos, traballaron coa supervisión das profesoras de Lingua Galega para ir chegando pouco a pouco ás frases definitivas que eles mesmos pintarán nos pasos de peóns. Unha delas é precisamente a que subtitula o proxecto “As esencias da cidade lévalas dentro dos zapatos”. Durante as sesións reflexionaron sobre a lingua, aprenderon palabras novas, revisaron ortografía e gramática e, sobre todo, tiveron a oportunidade de deixar voar a imaxinación.
Letras e arte
Ademais, a iniciativa tamén está encadrada dentro das actividades do 17 de maio, Día das Letras Galegas, como unha homenaxe viva á nosa lingua a través das verbas reflectidas nos pasos de peóns. Por ese motivo, as pintadas realizaranse en horario lectivo nos días previos a esta xornada coa axuda de coñecidos artistas carballeses como Cristina Castro, María Marticorena, Santi Picos ou Mon Lendoiro, unindo así literatura e creación artística.
Ademais da frase que subtitula o proxecto, algunhas das sentenzas que se pintarán durante estes días son:
- “Precaución, aquí aprendemos a pensar”, no acceso ao IES Alfredo Brañas.
- “Polos cóbados roídos respira o coñecemento”, no acceso ao IES Monte Neme.
- “Soñar é de balde”, na contorna do mural “A Orixe” na rúa Fábrica.
- “A lectura é o atallo para a cultura”.
- “Entre bicos e agarimos enguedello polo camiño”.