Carballo a un paso

Compartir:

Xa está dispoñible Carballo é pan, o almanaque de Turismo Carballo para 2019

Baseado nunha entrevista a unha panadeira da Brea, pode recollerse de forma gratuíta no Museo de Bergantiños ata rematar existencias

Élida Mesejo, panadeira de Carballo

Élida Mesejo, panadeira de Carballo

Carballo é pan. E así se reflicte no novo almanaque de Turismo Carballo para 2019. O produto, a súa elaboración, os elementos que o compoñen… o calendario realiza un percorrido por todo isto da man da panadeira da Brea Élida Mesejo, que colaborou desinteresadamente para ilustrar o proceso tradicional de elaboración do pan. A auga, o trigo, o millo para facer a broa, moer, a fariña, o barutar, o fermento, a artesa, amasar, o isco, a pa, o miolo e a codia son as trece palabras escollidas para ilustrar os doce meses do ano e o peche do calendario, que conta con outras tantas imaxes de calidade para ilustrar a vida do noso pan.

Élida Mesejo foi debullando cada palabra –algunhas de uso cotiá, outras máis esquecidas e dignas de ser rescatadas e lembradas– nunha entrevista chea de anécdotas, achegando a súa sabedoría de anos de profesión, como a de tantas outras e outros panadeiros e panadeiras da Brea e de todo Carballo, para construír un retrato do produto que nos dá sona e que nunca falta na mesa dos veciños e veciñas.

Gratuíto

Ademais de recoller todos os meses do ano, o almanaque conta, como en cada edición, cunha sección de teléfonos de interese do Concello, onde están recollidos os números dos edificios municipais, de seguridade, atención e asistencia ou dos medios públicos de transporte, como os taxis e a estación de autobuses.

Todos os veciños e veciñas que o desexen poden pasarse polo Museo de Bergantiños para recollelo de forma totalmente gratuíta, ata fin de existencias, no horario habitual de atención ao público:

  • De martes a venres, de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 19.30 horas.
  • Os sábados e os domingos de feira de 11.00 a 14.00 h.
  • Domingos non feirados e luns, pechado.

En 2019, Carballo, máis ca nunca, é pan.


Descargas

Feader Ministerio de agricultura, alimentación y medio ambiente Xunta de Galicia Deputación da Coruña Galicia Agader