Carballo a un paso

Compartir:

O Rexenera Fest baixo a lupa dos mozos e mozas de Carballo

O IES Alfredo Brañas expón as obras do Reinterpreta Fest, que reinventa os murais do festival a través do alumnado de Primeiro e Segundo da ESO

A mostra pode visitarse até final de curso no vestíbulo do IES Alfredo Brañas

A mostra pode visitarse até final de curso no vestíbulo do IES Alfredo Brañas

O Rexenera Fest calla cada vez máis entre os veciños e veciñas de Carballo, que cada ano agardan con máis expectación a chegada do festival. E iso ocorre en moitos ámbitos, incluído o do ensino. Así sucedeu no IES Alfredo Brañas, no que a profesora Mónica Cores propúxolle ao seu alumnado de Atención á Diversidade -de 1º e 2º da ESO- que explorasen os murais do Rexenera dende outro punto de vista. O resultado: unha mostra de traballos artísticos que pode verse até o remate do curso no vestíbulo do centro. A idea xurdiou a raíz dunha actividade celebrada o ano pasado, na que o alumnado realizou unha curta sobre o festival; este ano, explica Cores, quixeron ir máis aló e animarse a reinterpretar as súas obras favoritas. E de aí o nome da actividade Reinterpreta Fest.

Mozos e mozas de entre 13 e 16 anos exploraron o Rexenera e as súas creacións dende moitos puntos de vista

O labor non  foi sinxelo, xa que lle dedicaron dúas clases á semana. Primeiro investigaron o festival; logo elixiron, en grupos de dous, a súa obra favorita, ou aquela que máis lles inspirase; por último, visitaron o mural e buscaron información sobre o seu autor o autora. Ademais de investigar todo o que rodea ao festival, tamén tiveron que explorar as técnicas artísticas que querían empregar, que van dende o collage, até a pintura, pasando polas ceras... E, por suposto, tamén se encargaron do acopio do material, planificando os custes e calculando todo o que necesitaban. Todo para formular o proxecto final, unha reinterpretación das obras que, nalgúns casos, quedou nunha fidedigna imitación; pero que noutros foi moito máis alá.

Que é arte?

Reinterpretación de Tribu Humana

Reinterpretación de Tribu Humana

Tal é o caso da obra de Sekone In your face, na que os mozos e mozas de entre 13 e 16 anos quixeron acompañar o mural doutras frases escritas en paredes da vila para chegar a unha reflexión: que é o que fai que In your face sexa arte, pero o resto de pintadas non? Outros quixeron centrarse na técnica artística, como é o caso da reinterpretación de A orixe de MOU. Os rapaces quixeron empregar ceras brandas e moitas cores para plasmar o famoso "buzo". No caso da Tribu Humana de Jorit, un rapaz con moito talento quixo reproducilo case á perfección nun cachiño de papel. E para outro dos grupos, I miss you, un dos murais máis populares, de Natalia Rak, serviu como excusa para reflectir todos os tipos de amor, dende o filial ao homosexual e heterosexual ou mesmo o que se pode sentir por unha mascota. O famoso bico seica non lles chegaba para tanto amor.

Logo de facer cadansúa obra, ademais, tiveron que expoñer que significou para eles, o que quixeron plasmar e todo o que se agochou detrás das súas obras. Toda un incursión artística que a súa profesora, Mónica Cores, explica que tamén serve para que o alumnado de Atención á Diversidade amose facianas diferentes do seu traballo, demostrando que poden facer de todo igual ou mesmo mellor que os seus compañeiros e compañeiras, sacando á luz moitos dos seus talentos.

E, por que non? A experiencia tamén foi unha excusa para que, en verbas de Cores, os rapaces e rapazas "coñezan as cousas que se fan no seu pobo", nomeadamente, un festival da repercusión do Rexenera Fest. Arte é vida!


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica