Carballo a un paso

Compartir:

Zen Garden, o mellor tributo a U2, en Carballo no mes de xuño

A banda irlandesa cobrará vida o sábado 16 no programa das festas de San Xoán da man dun vestiario, maquillaxe e posta en escena impecables

Imaxe promocional de Zen Garden

Imaxe promocional de Zen Garden

Os fans de U2 están de noraboa! A mellor banda tributo do mundo, os italianos Zen Garden, estarán en Carballo na noite do sábado 16 de xuño dentro do programa das Festas de San Xoán. Con pechar os ollos abondará para imaxinar ter en directo ao mesmísimo Bono e aos seus inseparables músicos interpretando With or without you, One ou I still haven’t found what I’m looking for. Vestiario, repertorio, maquillaxe e unha coidada posta en escena, que roza a perfección, son as claves para lograr unha réplica exacta dunha das formacións máis aclamadas da historia da música.

Non faltarán enriba do escenario éxitos míticos do grupo como With or without you, One ou Beautiful Day

Tras emocionar ao público de medio mundo, con máis de 1.000 concertos e 15 anos de traxectoria profesional, os integrantes de Zen Garden chegan dispostos a emocionarnos e facernos gozar dunha noite inesquecible na que non faltarán grandes clásicos como Beautiful Day ou New Year’s Day, últimos éxitos como Vertigo Magnificent e algúns temas de Songs of innocence. Estatura, indumentaria, amabilidade e, sobre todo, sentimento e paixón sobre os escenarios converten ao cantante e líder da banda, Zeno Sala, no perfecto xemelgo de Bono, co que o parecido físico é máis que razoable. Unha afección que acabou converténdose nun ilusionante proxecto cuxo obxectivo non é imitar senón poñerse na pel de cada un dos compoñentes da mítica banda.

Sentir a música dos orixinais

Ademais, o estilo de U2 está presente tamén no resto de integrantes do conxunto italiano. Matt (guitarras), Luca (baixo) e Kim (batería) son capaces de reproducir con absoluta fidelidade o son dos músicos orixinais, The Edge, Adam Clayton e Larry Mullen, respectivamente. Nunha recente entrevista confesaban que o segredo do seu éxito non se debe a ningunha fórmula maxistral senón á súa capacidade para sentir e transmitir. “É necesario saber os sentimentos que agocha cada canción e as condicións nas que foron escritas”, comentaban.

Para quen comparten a paixón polo son máis xenuíno da banda irlandesa, os concertos de Zen Garden constitúen a experiencia máis próxima aos auténticos directos de U2. E este San Xoán teremos o privilexio de comprobalo e gozar dun show de dúas horas de duración, que forma parte dunha xira internacional coa que están a encher os grandes escenarios de todo o mundo. 

Ide destapando as orellas para non perder nin unha nota! Agardámosvos en Carballo! O sábado 16 de xuño ás 23.00 horas na Praza do Concello. De balde!

Zen Garden en concerto


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentación y medio ambiente Xunta de Galicia Deputación da Coruña Galicia Agader