Carballo a un paso

Compartir:

Axenda da finde

De novo Carballo aglutina multitude de citas artísticas, culturais e deportivas durante a fin de semana, incluíndo o festival internacional Rexenera Fest e Carballo por etapas! Carballo mola!

VENRES, SÁBADO E DOMINGO

Case Maclaim

Natalia Rak na Vila de Negreira

Rexenera Fest. Cinco localizacións da vila e Fórum Carballo. O festival Rexenera Fest remata a primeira finde de xuño unha vez que o alemán Case Maclaim no Fórum Carballo, a polaca Natalia Rak na rúa Vila de Negreira, a arxentina Hyuro no Pazo da Cultura, o galego Nö3l na rúa Barcelona e o zaragozano Isaac Mahow na rúa Ecuador deixaran a súa pegada en Carballo. As actividades da finde son as seguintes:

- Sábado 4 de xuño: Actividades de achegamento á arte urbana e aos traballos do Rexenera Fest dirixidas a todos os veciños e veciñas.

  • De 17.00 a 19.00 h. Fórum Carballo. Comezamos o sábado 4 de xuño de 17.00 a 19.00 horas cunha mesa redonda ao redor da arte urbana na que participarán catro poñentes representando a diferentes proxectos neste eido. Cada convidado exporá a súa traxectoria e experiencia e compartiremos o coñecemento adquirido por cada un, reflexionando sobre a deriva deste tipo de eventos nos últimos anos e sobre a potencia e relevancia da arte como ferramenta transformadora na sociedade actual. Será con Lara Seixo, DesOrdes Creativas, o Festival Asalto e Derrubando Muros. De balde.
  • De 19.00 a 20.30 h. Fórum Carballo. Os artistas convidados que participan este ano no Rexenera Fest ofrecen un ciclo de microconferencias no que compartirán as súas experiencias co público. Amosando a súa obra, traxectoria e filosofía de traballo. As dúas citas son de balde ata completar o aforo no Fórum Carballo. Será con No3l. Hyuro, Issac Mahow e AL Crego. De balde.
  • 22.30 h. Sala Dublín. Festa de peche. O Rexenera pecha por todo o algo coa música en directo dos Fluzo, co seu hip hop de vangarda  e co Rock&Roll da Familia Camagno.Unha xornada festivo musical para celebrar con nocturnidade e alevosía toda unha semana de frenética creación artística nas rúas de Carballo. De balde.
- Domingo 5 de xuño. Ruta guiada polos murais. Saída do Fórum Carballo. 17.30 h. Roteiro guiado por todas as obras do festival, pasando tamén polos murais da edición anterior. A actividade estará guiada polo equipo de Mutante Creativo, que acompañarán persoalmente aos asistentes e compartirán con eles o significado, conceptos, e técnicas das obras. O roteiro arrincará do Forum Carballo. De balde e sen límite de prazas

Carballo por etapas

Carballo por etapas

Carballo por etapas. 20 locais hostaleiros. Horarios: venres de 20.00 a 22.00; sábados e domingos de 12.00 a 14.00 e de 20.00 a 22.00 h.  Volve Carballo por etapas, a ruta gastronómica a ruta gastronómica que todas as primaveras, desde hai catro, invade a localidade co mellor dos nosos produtos. A ruta, que xa contou con grande éxito de público os días 27, 28 e 29 de maio, continúa os días 3, 4 e 5 de xuño.  O prezo da tapa será de 1,50 €, e con cada unha entregarase un rasca co que poden conseguirse numerosos premios directos: gorras, camisetas, tapas, botellas de viño e de vermú, packs de copas de viño... A info, aquí. Tapas a 1,5 euros.

I Congreso de Fútbol Concello de Carballo. Pazo da Cultura. Venres a partir das 19.30 h.; sábado a partir das 10.00 h. e das 16.30 h.; domingo a partir das 10.00 h. O Pazo da Cultura acolle o I Congreso de Fútbol Concello de Carballo, unha cita que persegue a formación e reciclaxe dos adestradores de toda Galicia. De feito, técnicos como Sergio Barjuan -ex adestrador dos xuvenís do FC Barcelona- ou José Francisco Molina -ex adestrador do Villareal-, ademais de nomes como Lluis Llopis -adestrador de porteiros do Real Madrid-, ou Francisco Sánchez- analista táctico do Atlético de Madrid, entre outros moitos, achegarán á Costa da Morte coñecementos do primeiro nivel.

VENRES

Un mar de sensacións

Un mar de sensacións

Obradoiro de observación natural e convivencia. Saída dende a Sede de Senda Nova. 19.00 h. A Asociación Ambiental Senda Nova organiza, dentro das II Semanas de Natureza e Paisaxe un obradoiro de observación e convivencia na natureza que inclúa unha pernocta ao aire libre. Xogos na natureza, dinámicas de noite, cea á beira do candil... son só algunhas das actividades que realizarán os nenos e nenas a partir dos 7 anos que se animen a participar.

Presentación do libro “Que non te aten” de Manuel Iglesias Turnes. Biblioteca Rego da Balsa. 20.00 h. O autor Manuel Iglesias Turnes presenta na Biblioteca Rego da Balsa o seu útimo traballo, Que non te aten. Tras o éxito da súa primeira novela, As rapazas de Xan, no que recuperaba de forma conmovedora a memoria dunha aldea da Galicia dos anos cincuenta do século XX, Manuel Iglesias Turnes regresa con este potente relato da vida interior dunha aldea do noso tempo, dende a ollada das persoas novas que apostaron por construír alí as súas vidas. Entrada libre.

Inauguración da exposición “Un mar de sensacións”. Galería Garabato (Rúa Santa María). 21.00 h. Somostrasnas son as responsables da mostra que se inaugura na Galería Garabalo. É un proxecto pictórico poético da artista Teresa Candal e a poetisa Marta Amado Díaz. Elas din que son intrépidas, exploradoras, que rin e choran, que atravesan acantilados pedregosos, enlamados cun pé diante e outro detrás, onde un paso en falso non é a fin, senón unha oportunidade para comezar de novo. Ser “trasnas” é tamén deixarse embriagar das paisaxes e das xentes que te acompañan en cada etapa da vida. É o reto de vivir gozando e sufrindo, pero sobre todo, superándose a un mesmo. Se queredes coñecelas mellor, non faltedes a esta mostra. Entrada libre.

Monólogo de Carlos Blanco. Sala Dublín.  23.30 h. Esta finde temos un novo monólogo do ciclo que ofrece os sábados a Sala Dublín. Esta vez con Carlos Blanco, que non precisa presentación xa que é sobradamente coñecido polo público e ten visitado Carballo como monologuista en múltiples ocasións. Como actor ten traballado en filmes como “Heroina” de Gerardo Herrero, “Sé quien eres” de Patricia Ferreira ou “Cargo” de Clive Gordon. Tivo un pequeno papel en “Volver” de Pedro Almodóvar, entre outros traballos cinematográficos. En Televisión, múltiples series, protagonista de “Una bala para el rey” dirigida por Pablo Barrera para Antena 3, co-protagonizou a histórica serie “Mareas vivas” producida por Antón Reixa para TVG, e traballou noutras series como “Lobos”, “Os atlánticos”, “El comisario”, “Hostital Central”… Ten presentado múltiples programas e galas na TVG. Para non perder! Entrada anticipada 10€. En taquilla 12 €.

SÁBADO

Rafael Berrio

Rafael Berrio

A Biblio conta. Biblioteca Rego da Balsa. A partir das 11.30 h. Contacontos para nenas e nenos de 3 a 8 anos, no que se amosarán as máis fermosas e emocionantes historias de xeito divertido.  Desta quenda, contaremos "Wangari y los árboles de la paz" e "Misterio na horta". Non faltedes! Entrada libre.

Curruncho Pop. Biblioteca Rego da Balsa. A partir das 20.30 h. O programa Curruncho Pop ofrece a última entrega dos seus concertos. Será a quenda de Rafael Berrio (San Sebastián, 1963), cantante e compositor que tocou con Poch na década de 1980 e formou parte dos grupos Amor a traizón e Deriva. O seu maior éxito foi o álbum 1971 editado en 2010. E tamén teremos con nós ao cantautor carballés Luis Rivera, que nos deleitará cunha mostra do seu traballo en acústico. Entrada libre.

DOMINGO

Día da Muiñeira

Día da Muiñeira

Día da bicicleta. Saída da Praza do Concello. 10.30 h. As rúas e vías de Carballo acollen o Día da Bicicleta, organizado por La Voz de Galicia coa colaboración do Club Ciclista Carballo e Carballo Deporte. En 2015 arredor de 700 persoas participaron nesta cita lúdica co ciclismo que leva celebrándose máis de 20 anos. Para participar só tendes que coller a bici e achegarvos á Praza do Concello para realizar un percorrido apto para todas as idades a partir das 10.00 horas. De balde.

Copa Primavera cadete de baloncesto. Pavillón Vila de Noia. 10.00 h. Carballo acolle a celebración da fase final da Copa Primavera cadete masculina de baloncesto que terá lugar no Pavillón da Zona Escolar de Carballo. Os catro equipos clasificados despois da  eliminatoria de cuartos de final foron os seguintes: CB Cambre, Maristas ( A Coruña), Santa María del Mar ( A Coruña), CB Artai. Os partidos celebraranse a partir das 10.00 h. coa final pola tarde entre os vencedores da mañá ás 17.00 h. Entrada libre.

XXXV Día da Muiñeira. Praza do Concello. 18.00 h. Un total de 14 agrupacións chegadas de distintos puntos de Galicia percorren o domingo as rúas de Carballo no Día da Muiñeira da man da Asociación Cultural Nemeth e coa colaboración do Concello de Carballo. Este ano é a XXXV edición desta cita coa música e o baile tradicional e desta volta un total de catorce agrupacións chegadas de toda Galicia participan nesta festa. Todos os participantes reuniranse ás 17.00 horas no aparcadoiro do Centro Comercial Bergantiños para realizar o tradicional percorrido polas rúas de Carballo ata chegar á Praza do Concello, onde ás 18.00 horas haberá unha exhibición de baile con todos os grupos. En caso de que as condicións meteorolóxicas non permitan a realización da actividade no exterior, trasladarase ao Pavillón Carballo Calero.

SÁBADO E DOMINGO

Biberóns das Escolas Luís Calvo Sanz

Biberóns das Escolas Luís Calvo Sanz

Torneos de Fútbol Biberón e Benxamín Conservas Calvo. As Eiroas. A partir das 10.00 h. As instalacións do Campo Municipal de As Eiroas acollen a celebración da final do Torneo de Fútbol Conservas Calvo en categoría Biberón o sábado 4 de xuño; e os encontros previos en categoría Benxamín o sábado 4 de xuño coa fase final o domingo 5 de xuño. Nas dúas xornadas os encontros comezan a partir das 10.00 horas. As citas están organizadas polas Escolas de Fútbol Luís Calvo Sanz coa colaboración do Concello de Carballo e de Conservas Calvo.

EN CURSO

Última fin de semana para visitar a mostra sobre o traxe tradicional

Última fin de semana para visitar a mostra sobre o traxe tradicional

Exposición “O Traxe do País. Poñendo en valor o noso traxe tradicional”. 3º andar do Pazo da Cultura. De 17.30 a 20.30 h. O Concello de Carballo e a Asociación Cultural Argazo presentan unha mostra sobre o traxe tradicional galego. A exposición, titulada O traxe do país. Poñendo en valor o noso traxe tradicional, pretende introducir ao público nunha primeira aproximación ao redescubrimento do traxe tradicional galego baseada no estudio de pezas antigas. Componse duns 20 traxes que forman parte da colección privada de Alberto Golpe Beceiro e con pezas da colección de Antón Méndez Gándara. Todos os traxes son antigos ou reproducións fieis de pezas antigas tanto de roupa como complementos do vestir e ourivería. Pode visitarse até o domingo 5 de xuño, así que esta finde é a última para poder gozar con ela. Acceso libre.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica