Carballo abre un “curruncho” para a música emerxente
Nace “Curruncho Pop”: unha proposta para dar saída ao potencial do auditorio da Biblioteca Rego da Balsa como sala de concertos
Se vos gusta a música estades de noraboa porque nace Curruncho Pop, unha proposta para encher a Biblioteca Rego da Balsa de Carballo de música alternativa. Pigmy, o proxecto en solitario de Vicente Maciá (ex Carrots), estreará o auditorio da Biblio como sala de concertos paa aproveitar o enorme potencial do edificio como espazo de acollida de todo tipo de manifestacións culturais. Ao mesmo tempo, o Concello implícase na difusión de músicos e bandas emerxentes de dentro e fóra do noso concello.
A representación local nesta primeira entrega do Curruncho Pop, que xorde coa intención de ter continuidade, correrá a cargo do cantautor Luis Rivera e do grupo Chicharrón, que deixaba moi bo sabor de boca na presentación do seu disco Postal a mediados de marzo, pero que deixou tamén gañas de máis. Os seus seguidores poderán sacialas o 28 de maio, no concerto dobre que ofrecerán xunto ao ourensán Emilio José.
Concertos de pequeno formato
Neste primeiro Curruncho Pop soarán en Carballo ilustres da música coma o vasco Rafael Berrio e emerxentes coma Nacho Casado, que poucos días despois de tocar en Carballo presentará o seu último disco na mítica Joy Eslava madrileña. Dadas as características da instalación, todos os concertos serán de pequeno formato, e en boa parte dos casos permitirán ao público gozar de versións máis acústicas e intimistas dos seus grupos e cantantes de referencia.
A entrada a todos os concertos será de balde, pero, debido ás limitacións do aforo, será preciso reservar con anterioridade a través de <biblioteca@carballo.gal> ou no número de teléfono da biblio 981 758 580. Só se reservarán un máximo de catro pases por persoa.
A música máis alternativa nun espazo orixinal e distinto: en Carballo grazas a Curruncho Pop!