San Xoán: Carballo vai de festa
Dende os exitosos Auryn até o Festifolk, o Rockin Carballo e as noites de verbena. Dende o descenso do Anllóns até a Festa do Bosque. Todo é pouco na nosa vila para celebrar o San Xoán.
Son moitos e variados os ingredientes do programa deste San Xoán. Chegan as festas grandes de Carballo e, para celebralo, todo é pouco. Auryn será o prato forte. A banda, que destaca pola súa capacidade de arrastre de fans, actuará o xoves 25, a partir das once da noite, na Praza do Concello. Mais non será, nin moito menos, o único estilo musical que poderemos escoitar estes días na capital bergantiñá. O sábado anterior, 20 de xuño, unha manchea de gaiteiros e gaiteiras percorrerán as rúas da vila no Festifolk, como preámbulo a unha noite de concerto protagonizada por Birimbao e a banda Luar na Lubre, que destaca por ter traspasado fronteiras e países coa nosa música de raíz.
A fin de semana seguinte será o momento doutro estilo con non pouc@s adept@s e intérpretes no noso concello, o rock. O Rockin´ (o 26 de xuño, a partir das 21.30, no Rego da Balsa) traerá, nesta edición, aos arxentinos Cápsula, os catalans Tokio Sex Destruction, aos carballeses Arabian Evil e a tres bandas do país: Terbutalina, Premio da Música Independente en 2014 na categoría de Mellor Álbum en Galego, e Los Eskizos.
Arte e parte
Mais non hai festa que se preste sen verbeneo, e este contará en Carballo tanto por orquestras de gran tradición en Galicia (Os Satélites, o día 25 despois do concerto de Auryn) como por otras cada vez más conocidas entre a xente moza. O mércores actuaránTango e Superhollywood e, o venres, Poceiro e Alto Standing.
Nin hai tampouco San Xoán carballés sen as súas citas tradicionais: o concurso de cachelas, o día 23; o descenso do Anllóns, o día 25, e a Festa do Bosque, o último día da semana e das festas, o domingo 28, á beira do río Anllóns.
Este San Xoán virá, tamén, cargado de arte. No terceiro andar do Pazo da Cultura está exposta a tradicional mostra que, por estas datas, estrean as e os artistas locais. Baixo o título "Tricomías", as obras teñen nesta edición, como común denominador, o estar exclusivamente compostas en negro, branco e vermello. No barrio da Lagoa, a fotografía tomará as paredes. Varias das xanelas e escaparates das casas servirán de marco para as imaxes que concorreron ao concurso fotopoético "Carballo, mirando ao mar". A mostra poderá visitarse tamén pola noite, grazas á iluminación en verde que se instalou ex profeso para a mesma.
Que, xa respiras a San Xoán?
Atoparás toda a info no programa que abaixo adxuntamos.