Carballo a un paso

Compartir:

Os luthier das tatuaxes

O fotógrafo carballés Juan Casares achéganos ao mundo dos tatuadores na súa mostra

Din da tatuaxe que é toda unha arte, ao igual que a fotografía. Con estes dous vimbios creativos construése a mostra "Tinta", do fotógrafo carballés Juan Casares, que poderá visitarse, dende o 15 de xaneiro até o 8 de febreiro, no andar -1 do Pazo da Cultura. Son en total 21 fotos a cor, froito do traballo realizado por Casares, ao longo de seis meses, no estudo de tatuaxe no que abrollaron as imaxes, un traballo de convivencia que explica que moita das fotos sexan espontáneas e non posadas.

Será para Casares a súa primeira exposición individual. Naceu e criouse en Carballo, ao calor dun dos locais máis míticos da vila, O Mexillón, que anteriormente estaba a cargo da súa familia.  Na actualidade reside en Barcelona, onde estuda na Escola Internacional de Fotografía GrisArt.

Bebendo da reportaxe fotográfica

Do traballo que tivo que elaborar como proxecto final para o segundo curso da formación xorde esta exposición. Tamén do gusto do creador pola reportaxe como xénero fotográfico, porque, dinos, permite amosar mundos, realidades, vivencias que non son coñecidas. Un dos fotógrafos para el referente é precisamente Robert Frank, nome destacado do reporteirismo fotográfico.

Na mostra tamén será exposta unha mesa co aparello empregado para a elaboración das tatuaxes, así como varios deseños.  Unha das pretensións da iniciativa é axudar a normalizar o mundo da tatuaxe e as persoas que nel viven: "Hai anos, a visión da tatuaxe ía asociada a xente considerada conflitiva, a ámbitos coma o cárcere -explica-. En Galicia, aínda se ve mal. Á xente maior chócalle. Porén, en Barcelona non é así. Nun restaurante podes ver xente con tatuaxes e non importa".

Casares forma parte do colectivo carballés CreaFormas, que ao longo do ano pasado desenvolveron en Carballos diversas iniciativas, como Mostrarte, e exposicións colectivas, como "Tómalle unha con arte", en diversos estabelecementos hoteleiros da vila, e a tradicional exposición do San Xoán.

Neste enlace podes consultar diversos traballos do autor, así como varias das fotografías que forman parte da exposición "Tinta".


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica