De que vivimos
A vila de Carballo centraliza o comercio e os servizos da comarca de Bergantiños. Estratexicamente situada, é o seu motor económico.
Carballo é motor económico da comarca da Bergantiños. Conta cunha privilexiada situación xeográfica, como cruce de camiños entre a Costa da Morte, Santiago e a cidade da Coruña, que está a menos de 30 quilómetros e a uns vinte minutos de autoestrada. É o núcleo do tramado comercial e de servizos da comarca, así como o seu corazón empresarial e industrial. Carballo conta así mesmo con empresas, como Conservas Calvo, que levan o nome do concello por todo o mundo.
Carballo destaca, sobre todo, polo seu espírito "feirante", pola súa vocación comercial. Os baixos da vila están cheos de pequenos comercios, de tendas de proximidade e de negocios de hostalaría, que teñen o seu forte na relación de confianza cos clientes e clientas.
A súa feira é das máis concorridas da bisbarra, e a ela acoden as labregas e labregos da contorna cos produtos dunhas terras coñecidas pola súa fertilidade. O seu mercado, con instalacións modernas, funcionais e recentemente reformadas, é un excelente escaparate de produtos alimentos extraídos dos campos e da costa da bisbarra.
A industria de Carballo destaca en sectores como o plástico, o metal, a maquinaria agrícola, as conservas ou o automobilismo. Cada ano, ao final do verán, o sector da venda de automóbiles da zona organiza Berocasión.
O recentemente construído Forum de Carballo é mostra da nosa aposta emprendedora. O Forum, que contou con importante apoio de fondos europeos, nace como espazo de encontro, de formación continua, de asesoramento e impulso so I+D das empresas, pequenos comercios e sector autónomo do concello.