Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Minguarte: un escaparate de artistas locais

Compartir:

Minguarte: un escaparate de artistas locais

Como a lúa que mingua para volver a rexurdir de novo da escuridade, así entenden a crise as e os artistas de Minguarte, a exposición colectiva de creadores bergantiñáns

Como a lúa que mingua para volver a rexurdir de novo da escuridade, así entenden a crise as e os artistas de Minguarte, a exposición colectiva de creadores bergantiñáns que poderedes ver no Pazo da Cultura até o 25 de agosto. Nesta edición, e porque entenden que a arte é sobre todo ferramenta para a construción de discursos e o debate de ideas, empregaron como común denominador esa pantasma que afoga o noso presente: a crise. E fixérono, como aínda tedes oportunidade de descubrir, dende perspectivas  múltiples e disciplinas tamén diversas.

Predicar na propia terra

Dúas obras de Isa Fernández en Minguarte

Dúas obras de Isa Fernández en Minguarte

Dende hai uns anos, as e os creadores locais xúntanse polo San Xoán nun proxecto común, unha mostra que nos permite saber deles e observar, ano a ano, a súa evolución. Dende un artista como Manuel Facal, carballés coñecido e recoñecido no eido internacional, até creadores que están comezando e outr@s xa con traxectoria, este proxecto achéganos unha boa panorámica da creación na nosa terra.

"Quixemos dar a coñecer xente da zona que estaba a facer cousas pero da que ninguén sabía, xente con inquedanzas que ao mellor tiña medo a expor", explica Mon Lendoiro, coordinador da exposición. Así foi como naceu, hai xa uns cantos San Xoáns, esta iniciativa, que permitiu descubrir o artista agochado en veciñ@s que estaban a crear de portas para dentro. O proxecto deulles a oportunidade de amosar o seu traballo, de perder a vergonza a facelo e, sobre todo, de reforzarse e darse azos mutuamente cunha iniciativa en común.

Olladas diversas

Obra de Oti Fernández en Minguarte

Obra de Oti Fernández en Minguarte

A temática que actúa de fío condutor este ano, a crise, é abordada dende moi diversas perspectivas. Cadaquén simbolízaa ao seu modo, cos materiais e as disciplinas das que gusta traballar e cunha mirada propia e diferente.

Hai para quen a crise cobra forma de voitre, ou de cara desconxuntada polo horror, ou de nena cadáver… Hai para quen son os desafiuzamentos a imaxe deste presente en tensión e quen, nas voces que se rebelan e se manifestan, están os reflexos da esperanza.

A disciplina máis concorrida é a pintura. A mostra permitiranos visitar o traballo de pintores e pintoras da zona como O´Mighelo, Mon Lendoiro, Milagros Cotelo, Eva Facal, Peter Kramer, Antonio Reino, Emilia Rodríguez de las Heras, Jacobo Veiga, Santiago Picos, Manuel Pazos  ou Cristina Suárez.

Diferentes disciplinas plásticas

Manuel Facal en Minguarte

Obra de M. Facal para Minguarte

Mais tamén teremos oportunidade de coñecer a faceta bergantiñá doutras artes plásticas. E poderemos facelo da man de alfareiros como Fernando Mourón; de fotógrafos como Mónica Noya, Oti Fernández e Juan A. Villar Casares ou de escultores como Chiña (María José Costa) ou Manolo Eirín.

Poderemos indagar, ademais, no traballo de gravadoras como Lola Oviedo, de creadoras en talla como Isa Fernández; ou de artistas que optan por xogar coas disciplinas, como Antonio Taracido, que pasa gravados a lenzos, ou Diana Molina que xoga co abstracto a partir de texturas creadas con ceras Manley.

Iniciativas como estas pretenden axudar a que as persoas con inquedanzas artísticas poidan ser profetas na súa propia terra.

"Porque a arte -como sinala a comisaria da mostra, Beatriz Fernández Baldomir, no artigo que escribiu para o libro deste ano das festas do San Xoán- non está en recesión (como dirían algúns), sempre soubo aproveitar os tempos difíciles para sacar o seu máximo proveito e saír con enxeño."

A exposición estará aberta polas tardes de cinto a oito e media.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica