Carballo a un paso

Compartir:

O surf invade Carballo!

Nenas e nenos do municipio participan nun proxecto educativo, deportivo e medioambiental baseado neste deporte: Aprende a través do surfing

Sesión na praia de Razo | Aprende a través del surfing

Sesión na praia de Razo | 📷 Aprende a través del surfing

21 de abril de 2021 - Carballo ten moita sona como espazo para practicar o surf. As ondas de Razo e Baldaio son perfectas para practicar este deporte, sobre todo entre os meses de setembro e abril, cando as mareas que veñen do Atlántico descargan con forza sobre a costa. As nosas praias están invadidas todo o ano por táboas, neoprenos, caravanas, e persoas que se aloxan nas escolas de surf. Por iso, agora imos un paso máis alá e participamos na iniciativa Aprende a través do surfing, promovida pola Federación Española de Surf e o colectivo Surf and Clean, coa colaboración do Concello e a Deputación da Coruña. O proxecto favorece que as nenas e nenos de Carballo aprendan sobre medio ambiente, integración social, protección da natureza, deporte e benestar, todo a través do surf.

Os centros de ensino carballeses CEIP Nétoma-Razo, CEIP Gándara-Sofán, CEIP A Cristina e CEIP Xesús San Luís Romero son catro dos quince colexios galegos que participan nesta iniciativa que está estreitamente ligada ao traballo que se está a desenvolver para conseguir a declaración da Costa da Morte como Reserva Mundial de Surf. A escola oficial Boaola é a encargada do desenvolvemento do proxecto en Carballo. Despois do traballo que se levou a cabo nas aulas e a través da plataforma online nos últimos meses, estes días chegou o momento de entrar en contacto co mar.

Un proxecto de concienciación global

Aprende a través del surfing

📷 Aprende a través del surfing

Con esta actividade, que se puxo en marcha á volta das vacacións de Semana Santa, a rapazada aprende a ser surfista tanto fóra coma dentro da auga, no primeiro caso a través de módulos sobre a cultura do mar, a seguridade ou a relación das persoas co medio, e no segundo dende o punto de vista da física, a técnica ou o vínculo co mar. “Buscamos un desenvolvemento das nenas e os nenos como surfistas completas e completos dende unha ampla perspectiva”, explica David Blanco, coordinador do proxecto en Carballo.

Fomentar a cultura acuática e marítima, mellorar a seguridade nas praias, crear un vínculo co mar que permita comprender mellor a súa relevancia, recoñecer as ondas coma un ben de gran valor para a comunidade, crear unha rede do mar, introducir no ensino a perspectiva de medio ambiente e transformación social e formar axentes de cambio que axuden á sociedade a facer unha transición cara unha forma de vida máis sostible son os grandes e ambiciosos obxectivos desta proposta educativa, que, como indica David Blanco, “ofrece unha perspectiva de medio ambiente e transformación social a través da cultura do surfing”.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica