Carballo a un paso

Compartir:

Carballo homenaxea o pan, un dos seus sinais de identidade

Un monumento situado no Parque Rego da Balsa, obra do prestixioso artista ourensán Acisclo Manzano, recolle a nosa relación secular co molete

Monumento ao Pan

Monumento ao Pan

Xa hai meses que o Monumento ao Pan ten o seu lugar no Parque Rego da Balsa, pero por mor da COVID-19 non foi ata agosto de 2020 que se puido celebrar o acto de inauguración desta escultura que rende homenaxe a unha tradición secular que identifica e representa a Carballo, como é a de facer e degustar o pan. A peza é obra do artista ourensán Acisclo Manzano, escultor de ampla traxectoria que traballou no seu día no obradoiro de Asorey e que ten compartido espazo co grupo "Sete artistas galegos" xunto con nomes como o de Manuel Buciños, autor do Cruceiro da Praza de Galicia carballesa. Acompaña a súa obra unha placa conmemorativa elaborada pola oleira de Buño Carmen Isabel.

Esta homenaxe xurdiu como iniciativa da Asociación Cultural Lumieira que quería que Carballo tivera un símbolo de agradecemento á terra e do bo facer dos seus panadeiros e panadeiras. Ademais tamén foi Lumieira a que inspirou unha viñeta de Xaquín Marín na que se identifica o pan de Carballo coa bondade, e da que, como sinal de recoñecemento polo traballo que desenvolven, entregarase unha copia enmarcada a cada un dos 20 fornos en activo no noso concello. Respecto do significado da escultura, nela está reflectida a deusa Ceres, que daba orixe aos cereais e ao pan, aos alimentos. As formas redondeadas da obra están identificando o molete carballés e despois está o pobo, o que desfruta dese manxar que é o pan.

Durante o acto de inauguración, que estivo presidido polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o propio escultor, Acisclo Manzano; Ángeles Ares, en representación de Lumieira; e o historiador carballés Xan Fraga, repartiuse un molete de pan de Carballo entre todas e todos os asistentes. Ademais, Manzano, natural de Cea, terra que tamén ten o pan como símbolo, emprazou ao Concello a celebrar festas de irmandade nas que Cea e Carballo queden unidos polo pan.


Descargas

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica