Carballo a un paso

Compartir:

Carballo: capital do xadrez galego durante a ponte da Constitución

O Espazo Xove Carballo acolle a cita na que participarán arredor de medio centenar de xogadores de toda Galicia e mesmo de León

III Aberto de Xadrez Clásico Carballo

O III Aberto de Xadrez Clásico converterá a Carballo na capital galega do xadrez durante a ponte da Constitución. A competición, organizada polo club O Toque Xiria co patrocinio do Concello de Carballo e a Deputación da Coruña, reunirá os días 6, 7 e 8 á elite do xadrez galego e mesmo a xadrecistas de referencia no norte do Estado, como por exemplo de León, pero tamén de Ourense, O Grove, Padrón, Rianxo, Lugo... O torneo celebrarase no Espazo Xove, situado na rúa Valle Inclán, e constará de seis rondas con partidas de 90’+30’’. En total repartiranse 1.500 euros en premios.

Trátase da terceira edición do aberto, o que amosa o importante crecemento que está tendo este deporte na vila. Ademais, Carballo forma parte do Circuíto de Xadrez Portus Apostoli xunto con Noia, Val do Dubra, A Pobra do Caramiñal e A Coruña; e Carballo será a sede dos campionatos provinciais, que se disputarán os días 11, 12, 19 e 20 de xaneiro, e nos que se outorgará unha praza para os galegos. Por outra banda, o Toque Xiria espera poder incluír o Aberto de Xadrez Clásico no Circuíto galego de xadrez de partidas lentas, ou poder organizar un torneo de sete ou oito días na segunda quincena de xullo de 2020.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentación y medio ambiente Xunta de Galicia Deputación da Coruña Galicia Agader