Carballo a un paso

Compartir:

Volve o curso de verán Traballando en lingua para falar do uso do galego no ámbito turístico

Esta cita cumpre 15 anos investigando e traballando a prol do uso da lingua galega e posta en valor e visibilización do noso idioma en todos os ámbitos

Traballando en Lingua

O Curso de Verán sobre Normalización Lingüística Traballando en Lingua volve este 2019 cumprindo 15 anos de traballo a prol da lingua galega. Nesta edición abordará o uso do galego no ámbito do turismo e nas ferramentas para a transmitirmos desde diversos ámbitos. Utilizarmos o galego como un valor e un recurso que teña interese en ser coñecido e valorado polo turismo. As sesións constan de conferencias, mesas redondas e obradoiros prácticos en que se analiza o por que, como, onde e cando deixamos de utilizar o galego ao entrar en contacto con xente de fóra. ¿Haberá turistas que se poidan decantar por Galiza por termos lingua propia?. Estas e outras cuestións centrarán o programa do curso, ás que os participantes tentarán dar resposta. Alén disto, tamén se dedicarán sesións a reparar no éxito de produtos que só utilizan a lingua propia para se dar a coñecer.

O prazo de anotacións está aberto até o mércores 10 de xullo. A cita será no Fórum Carballo o 17 e 18 de xullo

O curso vai dirixido a persoas que traballan ou que están interesadas no proceso de normalización da lingua galega, especialmente técnicos/as de normalización lingüística, docentes, dinamizadoras/es socioculturais, estudantes, membros de asociacións, de empresas de dinamización social, lingüística ou cultural, técnicas/os de cultura, animadoras/es, intérpretes, tradutoras/es etc. Entre os obxectivos da cita están o de analizar, valorar e deseñar estratexias e accións para a posta en valor, incremento do uso e visibilización do galego en ámbitos turísticos; detectar e analizar problemas e prexuízos existentes arredor do uso da lingua galega nos ámbitos relacionados coa presenza de turistas ou persoas non coñecedoras do galego; valorar o galego e a cultura propia como recurso de interese turístico; deseñar unha proposta de boas prácticas lingüísticas no ámbito turístico; coñecer e poñer en valor experiencias positivas de uso do galego en ámbitos turísticos.

Inscricións e custo

O custo da matrícula inclúe a participación en todas as actividades do curso, o material que se utilizar, os cafés conxuntos e o xantar dos dous días. Para estudantes de calquera universidade, comunidade universitaria da UDC e persoas desempregadas é de 30 €; para as demais persoas,50 €. O número de participantes está limitado a 65 persoas, por orde de inscrición. A matrícula é en liña e o prazo remata o día 10 de xullo. 

Colaboran coa cita o Concello de Carballo e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Organiza o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña (UDC), a Vicerreitoría de Estudantes, Participación e Extensión Universitaria.


Descargas

Feader Ministerio de agricultura, alimentación y medio ambiente Xunta de Galicia Deputación da Coruña Galicia Agader