Carballo a un paso

Compartir:

Blas Cantó actúa en Carballo o 25 de xuño

O concerto enmárcase dentro do programa das Festas do San Xoán e será na Praza do Concello a partir das 23.00 h.: acceso gratuíto

Blas Cantó

Blas Cantó

O artista Blas Cantó volve a Carballo Blas Cantó na súa segunda visita á nosa vila despois de actuar en 2015 cando aínda formaba parte de Auryn. Agora estará na Praza do Concello o 25 de xuño para ofrecernos un dos dous grandes concertos das festas de San Xoán. Será ás 23.00 horas e de balde, para que todo o mundo poida gozar dun dos artistas do momento. Non hai máis que botar unha ollada á súa traxectoria para comprobar que a capacidade vocal e a versatilidade que o caracterizan sobre o escenario véñenlle de serie. Aínda que se deu a coñecer ao gran público como un dos solistas da "boy band" máis famosa do noso país, a súa voz xa comezou a soar nos estudos de televisión hai agora case dúas décadas.

Na súa traxectoria hai que destacar que formou parte da boy band Auryn ou que gañou a edición de 2017 de Tu cara me suena

E é que a Blas Cantó Moreno (Murcia, 1991) vímolo medrar na pequena pantalla desde que gañara, con tan só oito anos, o seu primeiro concurso televisivo no famoso Veo-Veo, presentado por Teresa Rabal. Pero o seu gran salto á fama veulle da man da banda española Auryn (2009-2016), integrada por cinco mozos que en apenas sete anos lograron colleitar grandes éxitos de ventas e unha lexión de fans. Despois da disolución do grupo, o cantante murciano regresa á televisión pola porta grande para participar na 5ª edición de Tu cara me suena, o concurso de imitacións máis famoso do país do que se proclamou gañador indiscutible grazas á mestura de talento, capacidade, esforzo e versatilidade que pon en todo o que fai.

Él no soy yo

Desde entón, o nome deste polifacético artista non deixou de soar dentro do panorama musical convertendo en éxito todo o que toca ou, polo menos, todo o que lanza ao mercado. Ao seu segundo sinxelo Drunk and Irresponsible uniuse un terceiro, Él no soy yo, e o seu maior recoñecemento musical cun disco de ouro e de platino e máis de 60 millóns de reproducións no vídeo-clip oficial de Youtube, ademais de ser número 1 na lista de Los 40 Principales. Como non podía ser doutro xeito, á semana de publicar o seu disco Complicado, ao que pertencen estes e outros temas como No Volveré (a seguir tus pasos), xa era número 1 de vendas en España.

A esta carreira de vertixe, chea de grandes éxitos musicais e unha voz inconfundible, sigue sumando novas habilidades e facetas ocultas, tanto para o público como para o propio artista. Unha delas é a de actor cómico, que xa ten amosado en varias ocasións durante a súa visita ao programa da TVG, LandRober Tunai Show. E a última e máis sorprendente é a de actor de dobraxe, poñendo voz ao villano Lou en Ugly Dolls: extraordinariamente feos. Está claro que nada se lle resiste a este murciano de habilidades infinitas e eterno sorriso.

Así que preparádevos porque este San Xoán chegará a Carballo disposto a seguir sorprendéndonos e sumando novos éxitos. E non temos ningunha dúbida de que o conseguirá.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica