Carballo a un paso

Compartir:

Oito bandas, dous escenarios e boa música: volve o Rockin Carballo!

O festival contará con nomes como Vancouvers, Los Chicos ou Miqui Puig e música da mañá á noite e ata que o corpo aguante: de balde!

Rockin Carballo

Os amantes da boa música e do rock teñen xa marcado no almanaque o sábado 29 de xuño porque esta é a data do Rockin' Carballo. A tempada de festivais de verán comeza con esta cita que un ano máis ten un cartel con artistas do panorama galego e nacional con nomes como Vancouvers, Los Chicos ou Miqui Puig como principais atractivos, aínda que son oito as bandas que tocarán na vila nunha xornada que comeza coa sesión vermú a partir das 13.00 horas e que remata coa sesión da noite ata a madrugada ou ata que o corpo aguante. O cartel, como en anos anteriores, homenaxea a algunha desaparecida estrela do rock. Desta volta tocoulle a Aretha Franklin, toda unha declaración de intencións para o festival.

Tras o paso por Carballo de bandas como The Trashmen, Chesterfield Kings, Roy Loney, Barrence Whitfield, Sex Museum, The Unfinished Sympathy, Power Solo ou Dr. Explosion, este ano o festival carballés volve a encherse con auténticos primeiras filas repartidos en dous escenarios: o Escenario Palmeira (a carón da palmeira do Xardín Municipal) e o Escenario Rego da Balsa (a carón do parque do mesmo nome). E, non hai que esquecelo, todas as actuacións son de balde para calquera que queira achegarse e gozar da música durante todo o día. Máis abaixo tendes polo miúdo todos os horarios de cada actuación para que cheguedes a tempo a todo!

Escenario palmeira: sesión vermú a partir das 13.00 horas

Elvis Negro

Elvis Negro

18.00 h.

  • Elvis Negro (Carballo): O Rockin deixa sempre espazo para as bandas de orixe carballés e faino, neste caso, con Elvis Negro. Clasifícanse dentro da escena indie e do noise pop e son Marcos García (guitarra eléctrica e voz), Maritxu Alonso (baixo, sintetizador e voz), Fer Bescansa (guitarra eléctrica e sintetizador) e María Costa (batería). Despois de certos cambios ao longo dos últimos 4 anos, avanzan con paso firme. Defínense como "A morte lenta". Non os perdades!

17.00 h.

  • Playa Desmayo (A Coruña): Ían tocar en 2018 no "pre-rockin fest" que finalmente tivo que ser aprazado, pero agora volven para tocar en Carballo. Defínense a si mesmos como un "dúo de borrachos que facemos música enérxica que flúe entre o punk, o surf e o rock and roll, pero todo mal tocado". Obviamente, de mal tocado, nada. Playa Desmayo nace en 2016 e son Gaspar (Batería) e Roi (Guitarra). Mesturan influencias que van desde o punk máis frenético ao surf melódico, todo cunha boa dose de berros e queixumes. Acaban de sacar 8 novos temas que presentan o 21 de xuño na sala Mardi Gras e logo en Carballo.

Miqui Puig

Miqui Puig

13.00 h.

  • Miqui Puig (Barcelona): Miqui Puig fai pop con aires que tamén van do punk ao house. Ben coñecido pola súa traxectoria con Los Sencillos, leva desenvolvendo a súa carreira en solitario dende 2004, en que lanzou o seu primeiro traballo Casualidades. Este 2019 acaba de publicar 15 Canciones de Amor, Barro y Motocicletas, 15 invitacións ao baile en solitario ou en compañía nun dos seus traballos máis redondos ata o momento, cunhas letras sempre coidadas e estribillos pegadizos. Tamén ten actuado como DJ en festivais como o Sonar o o Primavera Sound e ten sido colaborador desde os 80 en programas de radio e televisión.

Escenario Rego da Balsa: concerto a partir das 19.30 horas

Vancouvers | Foto: Juan Pérez Fajardo

Vancouvers | Foto: Juan Pérez Fajardo

22.35 h.

  • Vancouvers (Madrid): Entre o final da Movida madrileña e o preámbulo do que serían as primeiras iconas do indie español naceu un cuarteto chamado Vancouvers, admirado por artistas da talla de Alex Chilton e que supuñan unha bisagra entre a facción máis macarra do rock and roll malasañero, o proto-indie e o proto-grunge. Hai 21 anos decidiron deixalo, e tras algún intento errado por regresar, agora están de volta. A resposta foi tal que agora non hai quen os pare. Vancouvers son Marta Romeu, Juan Santaner, Anxo Cubero e Kiki Tornado. [Texto: Alan Queipo en Mondo Sonoro].

Los Chicos

Los Chicos

0.00 h.

  • Los Chicos (Madrid): Los Chicos xuntáronse hai uns 18 anos cun estilo punk-rock-soul-gospel que voou en todo o mundo. Lanzaron 7 álbums, unha compilación, e apareceron tamén en compilacións internacionais. Estes grandes defensores da festa son como un cruzamento entre o Dr. Feelgood, New Bomb Turks, Radio Birdman e Mollo Nixon co seu equipo a piques de explotar. Os seus integrantes son Rafa Suñén, voz; Gerardo Urchaga, guitarra; Guillermo Casanova, baixo; e Ral García, percusión.

19.30 h.

  • Cloaca (A Coruña):  Ían tocar en 2018 no "pre-rockin fest" que finalmente tivo que ser aprazado, pero agora volven para saldar a súa débeda con Carballo. Bento Carroña (voz e guitarra) e Rata Ray (batería e voces) son Cloaca. O seu estilo é o garaxe-fuzz, tocan xeniais temas cheos de crueza, enerxía e poderío instrumental, viscerales pílulas de rock & roll cavernícola con tremenda interpretación vocal, riffs demoledores e potentes baterías. As letras fálannos de cavernícolas, cloacas, cerebros anormais, fuxir, cuspir, querer, chicles, beber, esquecer...

Thee Blind Crows | Foto: Myriam Pato

Thee Blind Crows | Foto: Myriam Pato

20.30 h. 

  • Thee Blind Crows (Pontevedra): Thee Blind Crows son unha encrucillada entre o blues e o punk. Un son frenético e cru que che fará vibrar até o esgotamento. Están influenciados por bandas como The Black Keys, Flat Duo Jets, Cramps, Jon Spencer Blues Explosion, R.L Burnside... Acaban de sacar novo álbum -titulado Death Awaits Us All- con motivo do seu 10º aniversario e presentan tamén nova formación como trío. Estrean catorce cancións intensas e salvaxes que merecen a pena.

Terrier

Terrier

21.30 h.

  • Terrier (Madrid): Maria Manoli, baixo e voz; Lili Laduquesa, órgano e voz; Dave Petrone, guitarra e voz; e Don Matias, percusión forman o grupo madrileño Terrier. Nacidos ao calor da efervescencia do circuíto underground madrileño alá por 2012, despiden bo rollo e gañas de pasalo ben sen perder nas letras certo ton acedo que tamén os caracteriza. Defínense a si mesmo como "gamberros", e fan unha estupenda mestura de pop e garaxe. Teñen publicado catro traballos, sendo o último Algo para romper (Sonido Muchacho, 2018).

Fin de festa

  • Antón DJ. E por se despois de escoitar ás bandas vos apetece aínda máis música, o malpicán Antón DJ será o encargado de amenizar o festival pola noite, así como o peche de madrugada. O seu repertorio é moi amplo e abarca todo tipo de estilos: música alternativa actual, rock, pop, indie, electrónica, punk... As súas sesións teñen un obxectivo claro: que a xente non pare de bailar en toda a noite.

Aínda non sinalástedes o sábado 29 de xuño no calendario? Xa estades tardando!


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica