Carballo a un paso

Compartir:

Dez anos de Primavera en ruta!

Senda Nova amplía a participación no seu programa de camiñadas para coñecer mellor a natureza e o patrimonio de Carballo e Bergantiños

Primavera en ruta

A Primavera en Ruta de Senda Nova cumpre unha década. Dez anos percorrendo Carballo e a comarca, dez anos de camaradaría, de anécdotas e de moitas, moitas andainas en compañía para dar a coñecer a nosa natureza e o noso patrimonio. E con motivo desta efeméride este ano o programa ábrese a novas entidades de fóra de Carballo e mesmo de fóra de Galicia. Son asociacións que realizarán os roteiros de sendeirismo xunto con Senda Nova e as persoas que queiran sumarse aos percorridos. Son entidades da zona, como o Instituto de Estudos Bergantiñáns, pero tamén outras de máis lonxe e que, de xeitos diferentes, traballan a prol do patrimonio: son Mavea de Asturies, a plataforma Non máis lumes do Concello de Cualedro de Ourense e a Comunidade de Montes en Man Común de Tameiga, Pontevedra.

Por mor da participación e dos desprazamentos das entidades amigas, os percorridos sufrirán modificacións co afán de manter uns itinerarios lixeiramente inferiores en lonxitude. Volverán a ser oito rutas, como en anos anteriores, que visitarán Carballo, Cabana, Zas, Malpica, Trazo, Coristanco e A Laracha. Outra das novidades deste décimo aniversario virá dada pola exposición fotográfica dedicada aos dez anos de roteiros: Primavera en ruta, os pasos da historia. A mostra terá lugar a comezos do mes de xuño no andar-1 do Pazo da Cultura de Carballo. Será unha oportunidade para lembrar, pero tamén para seguir poñendo en valor a beleza da nosa contorna.

OITO PERCORRIDOS

  • O SON DO ANLLÓNS (Bergantiños) - 7 abril. Distancia aproximada 18 quilómetros. Dificultade media-baixa.
  • RUTA DAS MÁMOAS (Cabana de Bergantiños) - 14 abril. Distancia aproximada 14 quilómetros. Dificultade baixa.
  • TERRAS ALTAS DE SONEIRA (Zas) - 5 maio. Distancia aproximada 16 quilómetros. Dificultade media-baixa.
  • COSTA AGRESTE DE CERQUEDA E CAMBRE (Malpica de Bergantiños) - 12 maio. Distancia aproximada 14 quilómetros. Dificultade baixa.
  • A FORZA DO RÍO CHONIA (Trazo) - 19 maio. Distancia aproximada 20 quilómetros. Dificultade media-baixa.
  • CORISTANCO HISTÓRICO (Coristanco) - 2 xuño. Distancia aproximada 18 quilómetros. Dificultade media.
  • CAMIÑOS DE CAIÓN (A Laracha) - 9 xuño. Distancia aproximada 14 quilómetros. Dificultade baixa.
  • RÍOS DE SOFÁN (Carballo) - 16 xuño. Distancia aproximada 19 quilómetros. Dificultade media-baixa.

INSCRICIÓNS E PREZOS

  • Base de Protección Civil de Carballo. 2º andar do Edificio do Antigo Ambulatorio Carballo. De luns a venres de 9:30 a 13:30 horas.
  • Museo de Bergantiños (rúa Martín Herrera, nº 8). Os mércores de 16.30 a 19.30 horas (mentres duren as obras de rehabilitación do edificio, os mércores de 11.00 a 14.00 horas).
  • Espazo da Natureza de Oza. Xoves e venres de 17 a 20 horas.
  • Data límite de inscrición: Ata 2 días antes de cada roteiro.
  • Prezos: Non socios, maiores de idade 6€ ; menores de idade 3€. Socios: maiores de idade 6€; menores de idade 1€ .
  • Lugares de saída: A Laracha: diante da Casa do Concello; Carballo: local de Senda Nova na rúa Venezuela; Malpica: diante da Casa do Concello; Baio: parada de bus. Zas: diante da Casa do Concello.

+ INFO

As rutas duran toda a xornada do domingo, na que o grupo permanecerá unido, tamén na hora do bocata, que se reparte á saída. Hai hora de saída pero a hora de volta depende de cada ruta. O transporte recolle aos participantes nas saídas e horarios establecidos e déixaos no mesmo lugar ao rematar a actividade. Prégase puntualidade, levar un calzado axeitado (a poder ser con membrana impermeable) e roupa axeitada. Convén levar mochila, un impermeable, navalla, gorra, protección solar e a cámara de fotos.

Se xa o tendes todo listo... só queda que vos apuntedes a un ano máis de andainas con Senda Nova!


Ligazóns

Descargas

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica