Carballo a un paso

Compartir:

Lema redescobre un conxunto etnográfico de 12 muíños

O Concello ten previsto reacondicionar a contorna destas edificacións que eran un importante centro de moenda hai máis de 40 anos

Un dos muíños redescubertos en Lema

Un dos muíños redescubertos en Lema

Hai máis de 40 anos que están agochados na parroquia de Lema. Mais unha limpeza realizada no río Enxebra a primavera pasada, descubriu un total de doce muíños agochados baixo as silvas, un tesouro etnográfico que se incorpora así ao patrimonio carballés. As indicacións para chegar ata el déronas algúns veciños e veciñas que forman parte do Consello Parroquial e que sabían da existencia dun conxunto de muíños, aínda que xa poucos se lembraban de que eran unha ducia.“Desde que se parou de moer, e diso pode haber corenta anos ou máis, nunca máis se volveu e a maleza abusou deles”, explica unha veciña. Só un se mantivo en funcionamento durante algún tempo máis, pero ata o ano pasado todos permaneceron ocultos baixo a vexetación.

Dez dos muíños están situados no lugar de Centeás, e outros dous no lugar de Agramaior, na parroquia de Lema

Agora van ser recuperados como un espazo máis de lecer para os veciños e veciñas. Así, o Concello, grazas á iniciativa do Consello Parroquial, realizou unha primeira limpeza que permitiu achegarse de novo aos muíños, pero agora estase realizando un traballo máis minucioso que se completará co acondicionamento dunha senda con zahorra. O traballo está sendo coordinado pola Brigada Municipal de Medio Ambiente, da que forman parte 10 persoas perceptoras da RISGA. Entre os seus cometidos está a limpeza de fontes, parques e espazos naturais en xeral, e un deles é esta nova ruta dos muíños da parroquia de Lema. Dez están situados no lugar de Centeás e dous, un deles en bo estado de conservación, no de Agramaior. Dado que os muíños son de propiedade privada, a actuación limitarase en principio á limpeza das construcións e da senda que os comunica para convertela nun novo espazo para o desfrute da cidadanía.

Se vos animades a dar un paseo pola parroquia de Lema, non deixedes de achegarvos para botarlle un ollo. Especialmente cando empece a chegar o bo tempo, que xa queda menos!


Feader Ministerio de agricultura, alimentación y medio ambiente Xunta de Galicia Deputación da Coruña Galicia Agader