Carballo a un paso

Compartir:

O FIOT: Premio da Cultura Galega ás Artes Escénicas

O alcalde, o concelleiro de Cultura, o presidente da asociación Telón e Aparte e persoal vinculado ao festival recolleron a distinción en Montederramo

Foto de familia durante a entrega do premio

Foto de familia durante a entrega do premio

Carballo está de noraboa porque o seu festival de teatro, referente en toda Galicia e mesmo no norte peninsular, o FIOT (Festival Internacional Outono de Teatro), acaba de recibir o Premio da Cultura Galega ás Artes Escénicas. O festival é o resultado do traballo colectivo, continuado, entregado e profesional de moita xente. Por iso, no acto de entrega do galardón, que tivo lguar o venres 11 de xaneiro en Montederramo (Ourense), estiveron as persoas que dende a parte técnica, creativa, de produción, e mesmo política, fixeron posible que o FIOT teña xa 27 anos de vida e en representación de todas as persoas que dun xeito ou outro teñen contribuído a que o festival continúe vivo e vizoso ano tras ano.

O galardón pretende poñer en valor a excelencia creativa e o labor de difusión cultural desenvolvido por persoas e institucións

A Xunta de Galicia convoca cada ano os Premios da Cultura Galega para poñer en valor a excelencia creativa e o labor de difusión cultural desenvolvido, con esforzo e talento, por persoas e institucións, tanto en Galicia como desde o exterior. E acudiron a recoller esta prestixiosa distinción na gala da que foi anfitrión o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo: o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo; o presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro; persoal da área de Cultura e representantes da parte técnica e artística asistiron. O FIOT compartiu galardón nin máis nin menos ca con Xosé María Álvarez Cáccamo, Luz Darriba, o grupo A Roda, o Festival de Cans, Antón Santamarina, a Asociación O Sorriso de Daniel e Ramón Villares.

Un referente en Galicia

O xurado considerou que o FIOT, organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e o Concello de Carballo, é “todo un referente na difusión e visualización das artes escénicas de Galicia”. Desde o seu inicio, no ano 1992, “foi medrando de xeito exponencial tanto na calidade das programacións como na fidelización de público. Pola súa traxectoria, calidade da programación e a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece está recoñecido como un dos máis importantes festivais de Galicia, cun programa que vén ofrecendo unha trintena de obras e preto de 100 actividades paralelas”, segundo reflicte o fallo.

Parabéns a todo o equipo. Parabéns a todos os carballeses e carballesas que dende o primeiro momento apoiaron o festival e estiveron aí cando non estaba nada claro que a iniciativa fose a saír adiante. E aos que seguen estando cada ano. E longa vida ao FIOT!


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica