Carballo a un paso

Compartir:

O Anllóns: patrimonio, natureza e sendeirismo

A Deputación da Coruña traballa cos alcaldes dos municipios polos que transcorre o río para elaborar un proxecto turístico integral

O río Anllóns ao seu paso por Carballo no Bosque do Añón

O río Anllóns ao seu paso por Carballo no Bosque do Añón | | 📷 Antonio Fernández

7 de novembro de 2018 - Máis de 54 quilómetros de riqueza fluvial polos que camiñar, folgar, aprender e gozar da beleza natural dos seus meandros: o río Anllóns. Un espazo que articula toda a comarca de Bergantiños e que agocha un grande potencial grazas ao seu "patrimonio natural e patrimonial, historia e referencias literarias claves na nosa lingua coa figura de Pondal fundamentalmente", en verbas do responsable da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira. E por iso, os concellos da Laracha, Carballo, Cabana de Bergantiños, Coristanco e Ponteceso e a Deputación suman forzas para vertebrar un proxecto de desenvolvemento turístico que teña o río Anllóns como eixo central e arredor do que xirarán iniciativas de sendeirismo, interpretación da natureza e patrimonio: o Proxecto Anllóns.

A inciativa incluirase no Plan de Patrimonio do organismo provincial e está previsto que bote a andar no ano 2020

Así, os cinco alcaldes dos concellos do territorio que atravesa o Río Anllóns (o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o da Laracha, José Manuel López; o de Cabana, José Muíño Domínguez; o de Coristanco, Abraham Gerpe; e o de Ponteceso, Xosé Lois Carballido) reuníronse co responsable da área de Turismo da Deputación coa idea de dar os primeiros pasos de cara á elaboración desta iniciativa, unha das propostas que se incluirá no Plan de Patrimonio da Deputación da Coruña. Na xuntanza tamén se propuxo, aínda que non formen parte do curso do río, a inclusión dos concellos de Malpica e Laxe para que o proxecto sexa da totalidade da comarca de Bergantiños. Está previsto que o "Proxecto Anllóns" bote a andar co horizonte do ano 2020.

Plan de Patrimonio

Na xuntanza, destacouse de maneira especial a potencialidade do Anllóns para o sendeirismo e a interpretación da natureza, cos elementos destacados do territorio que atravesa o río.Os representantes institucionais dos concellos e a Deputación apuntaron a necesidade de primar a cooperación intermunicipal e establecer as liñas de actuación para o desenvolvemento dun futuro plan director que estableza as urxencias e os pasos que se deben seguir para a elaboración e consolidación do proxecto.

A liña de actuación de promoción e desenvolvemento turístico relativa ao Plan de Patrimonio da Deputación da Coruña integra outros sete proxectos para a conservación e divulgación do patrimonio cultural e natural como son o do Xeoparque de Ortegal, Parque Compostela Rupestre, Parque Arqueolóxico do Megalitismo ou a Reserva da Biosfera do Mandeo.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica