Carballo a un paso

Compartir:

O 27 FIOT acada 11.500 participantes e un 98 por cento de ocupación no Pazo da Cultura

A obra Iphigenia en Vallecas leva o Premio do Público cunha valoración de 4,58 sobre 5, seguida de Fedra -moi preto con 4,54- e de Pss Pss con 4,52

María Hervás protagoniza Iphigenia en Vallecas

María Hervás protagoniza Iphigenia en Vallecas

A 27 edición do FIOT (Festival Internacional Outono de Teatro) posiciónase como o maior festival de teatro de Galicia xa que ofrece a maior oferta teatral da nosa comunidade con 41 espectáculos, un total de 61 funcións e un centenar de actividades complementarias. Ademais, a resposta dos espectadores foi excelente. Así, esgotáronse os 200 bonos postos á venda, as entradas de 8 dos 10 espectáculos do Programa de Sala, que tivo unha tasa de ocupación do 98 por cento, e un récord de participantes: 11.500, dos que 7.452 acudiron como espectadores nas funcións do Pazo da Cultura e ás representacións na Rúa dos Contos.

A 27 edición do festival contou con 41 propostas, 61 funcións e 15 estreas con nomes como Lolita Flores, Inma Cuevas, David Amor, Alfredo Sanzol...

O programa incluíu 15 estreas (10 en Galicia e 5 absolutas), as mellores compañías do panorama teatral de España e espectáculos de catro países (Bélxica, Suíza, Arxentina e Guinea Ecuatorial). Postas en escea actuais e contemporáneas, de formatos e disciplinas moi variadas e con algúns dos directores, dramaturgos e intérpretes mais interesantes do panorama actual como Lolita Flores, Aurah Garrido, Inma Cuevas, David Amor, Cándido Pazó, Paco Becerra, Luís Luque, Celso Giménez, Marta Buchaca, Tito Asorey, María Hervás, Yayo Cáceres, Pablo Remón, Álex Rigola, Fabrice Murgia, Borja Fernández, Iván Morales, Alfredo Sanzol...

Premios do Público

La tristeza de los ogros, o mellor OTNI

La tristeza de los ogros, o mellor OTNI

Iphigenia en Vallecas, a obra de Serena Producciones protagonizada pola actriz María Hervás, resultou escollida como a ganadora do Premio do Público da XXVII edición do FIOT. A obra obtivo unha puntuación de 4,58 sobre 5. Lolita Flores interpretando a Fedra tampouco defraudou ao público do festival. Era unha das postas en escea mais esperadas, de feito esgotou as entradas ás dúas horas de poñerse á venda. O espéctaculo acadou a segunda mellor puntuación do público, un 4,54 puntos. Tamén gustou Pss Pss da compañía suiza Baccalá quen mostrou en Carballo unha interpretación que mestura clown contemporáneo con teatro e circo. A obra acadou unha puntuación de 4,52 puntos.

Dentro da sección OTNI o espectáculo mellor valorado, con 4,17 puntos, foi La Tristeza de los Ogros de Théatre National de Wallonie-Bruxelles en coprodución con Teatros del Canal e Teatro Lliure. O público tamén valorou as obras presentadas dentro do certame de Microteatro. Neste apartado a obra A Bonequiña, da compañía Moito Morro acadou a mellor puntuación, e así conseguiu o Premio do Público para o mellor espectáculo. Mentras que o Premio do Público para a mellor interpretación foi para Diego M. Buceta por As vacacións mais longas.

Rúa dos Contos e actividades paralelas

Touriñán festexou os 20 anos de Rúa dos Contos

Touriñán festexou os 20 anos de Rúa dos Contos

Este ano festexouse o vinte aniversario da Rúa dos Contos e para celebralo houbo un excelente programa de actuacións, tamén unha exposición que fai un percorrido polas máis de 130 compañías e 290 artistas que participaron nestes anos e tamén pola atractiva e divertida iconografía que forma parte da historia do certame. Ademais, este ano de celebración creouse o Paseo da Fama da Rúa dos Contos na rúa Valle Inclán de Carballo. Unha homenaxe na que participaron moitos artistas plásticos de Carballo baixo a coordinación de Santiago Pazos. Un Paseo que manterá presentes durante moito tempo os nomes de moitos dos artistas que deron vida á Rúa dos Contos.

O FIOT ten vontade de dinamizar Carballo e este compromiso maniféstase nas  actividades paralelas que lle dan vida e sentido ao Festival. empezando pola ruta gastronómica Dálle un bocado ao FIOT, e incluíndo case un centenar de actividades en programas como o Fiotiño, a Escola do Espectador, o Café con…, obradoiros, Exposicións, Zoom Fiot, Premio do  público, programa de Voluntariado, Xograr de Outono ou o máis recentemente incorporado FioTEEN, dedicado aos adolescentes e que incorporou os Institutos ao FIOT con espectáculos e propostas de promoción do festival). Máis de 4000 participantes estiveron implicados nestas actividades que redundan na creación e formación de públicos e en ampliar a dimensión cultural do FIOT a outras artes e disciplinas.

Agradecementos

A organización quere agradecer a todas as institucións que fan posible o FIOT que organizan a Asociación Cultural Telón e Aparte e o Concello de Carballo. Tamén o apoio dado desde a Deputación da Coruña, AGADIC (Xunta de Galicia), INAEM (Ministerio de Cultura), Fundación Luis Calvo Sanz, pero tamén a locais de hostalería, medios de comunicación, locais comercias e centros de educativos que colaboran e permiten que o FIOT sexa unha realidade.

Deica o ano que vén!


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica