Carballo a un paso

Compartir:

Arrinca o Rexenera Fest: cinco artistas e cinco espazos para mudar Carballo!

Do 23 de maio ao 3 de xuño Bosoletti, Lula Goce, Doa, Daniel Muñoz SAN e Milu Correch encherán de fantasía e de mensaxes as rúas da vila

Rexenera Fest

A cuarta edición do Rexenera Fest terá lugar do 23 de maio ao 3 de xuño de 2018: cinco muralistas deixarán as súas respectivas obras para este crecente museo ao aire libre, ademáis de seminarios, masterclasess, microconferencias, música en directo e un roteiro guiado. De Galicia, de Cáceres e de Arxentina son os artistas que mudarán a faciana de Carballo enchendo os seus muros de mensaxes e fantasía. Un ano máis chega á vila o máis escolleito da arte urbana do momento reunindo ao mellor da escena galega, estatal e internacional do mundo da arte urbana. O festival serve como unha xanela de Carballo aberta ao mundo, que sitúa no mapa a vila a través das súas rúas e favorece un turismo cultural diferente na zona urbana do concello.

O Rexenera Fest actúa en cada edición como un axente rehabilitador contra o feísmo urbanístico e utiliza as rúas como un espazo de diálogo e de expresión artística. Rexenerando espazos deteriorados, achegando valor engadido á paisaxe urbanística, dinamizando o tránsito peonil e expandindo os espazos de lecer nas zonas nas que se está a intervir. Durante unha semana os e as artistas participantes estarán traballando en distintas localizacións, ás que os veciños, veciñas e visitantes poderán achegarse para apreciar a habilidade e todo o proceso artístico de cada obra.

Os artistas convidados, un a un

Mural en Vigo

Mural en Vigo

Lula Goce (Galicia): Rúa Igrexa. Nacida en Baiona e licenciada en Belas Artes, ten deixado a súa pegada artística en paredes de Alemaña, Italia ou Irlanda; pero tamén moi preto do seu lugar de nacemento, Baiona, con traballos en Vigo, Santiago ou Cambados; e, por suposto, noutros puntos de España como Murcia ou Valencia. O seu traballo artístico sempre estivo vinculado á arte urbana, con murais e intervencións efémeras en espazos públicos, fábricas ou lugares abandonados.

A súa obra tende a afondar no íntimo a partir do público, accións solitarias vinculadas á natureza, que mostra nas fachadas, na rúa, expostos á mirada de transeúntes e curiosos. A natureza humana e a vexetal únense como se fosen unha.

Mural en Pozuelo de Zarzón

Mural en Pozuelo de Zarzón

Daniel Muñoz "SAN" (Cáceres): Rúa Alfredo Brañas. Dende os seus comezos a súa obra foi marcadamente figurativa, xa que empezou a desenvolverse empregando, exclusivamente, o espazo público como soporte: facendo recoñecibles as súas mensaxes ao maior número de persoas posibles. A súa linguaxe está formada por símbolos e códigos que suscitan unha lectura coidada, entre a narrativa da pintura clásica e os discursos sociolóxicos da arte contemporánea.

Todas as súas obras obrigan a caer en interpretacións diversas e confusas, a pesar de narrar feitos e anécdotas cotiás, basadas nos tópicos máis mundanos. Durante os últimos anos realizou numerosas  exposicións e intervencións en Europa, Norteamérica, Sudamérica, Rusia e Oriente medio. 

Iside, en Nápoles

Iside, en Nápoles

Bosoletti (Arxentina): Rúa Cristina. Criado en Armstrong, unha pequena vila da provincia de Santa Fe, Francisco Bosoletti mantén unha ollada pura e primixenia sobre a vida, a natureza e a humanidade. Baseado nun estilo clásico, o traballo de Bosoletti apóiase en simbolismos, en representacións humanas ou en fortes apelacións visuais. Bosoletti traballa con figuras en conxunto cos elementos da natureza, particularmente as femininas e os seus destinos.

Emprazados en Portugal, Alemaña, Italia ou a súa arxentina natal, entre outros moitos lugares, os seus murais evocan serenidade e pracer visual, pero implicando un espertar de conciencias. A consciencia de que a vida pasa pero sen saber moi ben o que nos concirne ou o que somos capaces de facer ou decidir por nós mesmos. A consciencia de que a vida debería ser unha constante loita influída sobre todo pola lóxica.

Vida silvestre nos Peares

Vida silvestre nos Peares

Doa Oa (Galicia): Rúa Río. Doa Ocampo é unha creadora nacida no pobo soberino de Areas, en Lugo. Dende nena sempre lle gustou o debuxo, a pintura e a fotografía, entre outras disciplinas. Despois de realizar os primeiros estudos envorcouse de cheo para lograr unha formación especializada. Estudou o grao de Belas Artes e o de técnico superior en fotografía, formándose artísticamente entre Galicia, México e Portugal. A partir de aí comezou a súa carreira explorando diferentes facetas, e, no caso da arte urbana, ten pintado murais tanto no seu concello natal de Sober, como por toda a xeografía galega e española.

A creadora lucense ten recibido formación en Galicia, México ou Portugal tanto en Belas Artes como en fotografía. Na actualidade, a súa obra céntrase no proxecto Reforestando: pensando na transformación do espazo público, mediante a intervención mural “site specific” de temática vexetal, coa única ambición de facer renacer as zonas nas que actúa.

Mural en Bulgaria

Mural en Bulgaria

Milu Correch (Arxentina): Rúa Vila de Laxe. Naceu, vive e probablemente morrerá en Bos Aires, Arxentina. Sempre garabateou máis alá das súas actividades principais e fai uns anos aprendeu a pasar pequenas imaxes a metros cadrados. Os muros fóronse agrandando e sumando, o que lle permitíu viaxar con brocha e rolo en man. Manchou paredes na súa cidade natal, outras cidades arxentinas e outras tantas doutro lado do océano. Agora segue pintando tratando de mellorar muro a muro, pincelada a pincelada. 

A finais de 2017 a web holandesa Street Art Today escolleu unha das súas obras como un dos sete mellores murais do mundo do mes de novembro, o que catapultou a repercusión do seu traballo. Nos últimos tempos afirma que comezou unha serie de murais de bruxas... Haberá que ver se unha desas meigas aterra en Carballo.

Actividades paralelas

Un dos traballos de Spok

Un dos traballos de Spok

  • MASTER CLASSES

- Manexo do aerosol
con Spok (29 e 30 maio). Licenciado en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid. O seu estilo pictórico bebe directamente das trazas que adquiriu pintando graffiti nos 90: contornos, brillos, xogos de luces e sombras, cores saturadas e vibrantes que xeran atmosferas cheas de liserxia, espellismos e elementos que parece que perden a forza da gravidade. Os participantes da MasterClass poderán achegarse ás técnicas que diferencian e fan único a Spok.



DATAS:
 martes 29 e mércores 30 de Maio.
HORARIOS: De 10.00 h a 14.00 e de 16.00 a 20:30 horas. 
LUGAR: por definir.
PRAZAS LIMITADAS: Só 12 prazas.

- Entender a Arte Urbana con Javier Abarca (31 maio e 1 xuño). Abarca é artista, investigador e docente especializado no graffiti e arte urbana. Figura principal da primeira xeración do graffiti español, impartíu entre 2006 e 2015 unha asignatura sobre graffiti e arte urbana na Facultade de Belas Artes da Universidade Complutense de Madrid en Aranxuez. Fundou a web Urbanario en 2008. Abarca é un especialista recoñecido na escena internacional e presenza habitual en congresos e festivais europeos. Chega a Carballo para impartir un seminario no que abordará os diferentes aspectos precisos para entender a Arte Urbana.

DATAS: xoves 31 de maio e venres 1 de xuño.
HORARIOS: de 17.30 a 21.00 horas.
LUGAR: Auditorio Fórum Carballo.

Cestola na cachola

Cestola na cachola

  • MICROCONFERENCIAS - 2 DE XUÑO
Cooperativismo e MuralismoCestola na Cachola: Cestola na cachola é un proxecto colectivo de autoemprego constituído por tres persoas para traballar naquilo que máis lles gusta e onde aplican a súa formación.

Conservación da arte urbana - Proxecto CAPuS: Teresa Rivas e Santiago Pozo son integrantes do grupo TEGRA do Departamento de enxeñería dos recursos naturais e medioambiente da Universidade de Vigo. Trátase dun proxecto con 17 socios de 7 países dentro da Unión Europea e o seu principal obxectivo é o desenvolvemento das directrices para a proteción da arte urbana.

ReforestandoDoa: Nesta conferencia Doa achegará o proxecto serial Reforestando ao público, explicando toda a filosofía intrínseca do mesmo e as súas experiencias ao longo dos anos e países polos que ten viaxado reforestando e reforestando. 

Da arte urbana aos murais. Qué perdemos? - Javier Abarca: abordará os diferentes aspectos precisos para entender este fenómeno artístico dende a década dos 60 ata a actualidade e ademáis culminará este percorrido con esta conferencia. Abarca reflexionará sobre os últimos anos da evolución da arte urbana e establecerá as diferencias entre o que hoxe en día podemos chamar muralismo contemporáneo e a a arte urbana anterior.

The Fabulous Resaca Brothers

The Fabulous Resaca Brothers

  • MÚSICA EN DIRECTO - 2 DE XUÑO
Cró! (Psicodelia/Rock/Impro): Xorde en 2007 nas profundidades da Ría de Vigo. Clasificar a Cró! faise complicado. A súa música defíneos e as imaxes que os acompañan en directo os completa. Cró! é música instrumental, cancións e improvisación. MOUNSTROS é o nome do se último traballo que actualmente están presentando.

The Fabulous Resaca Brothers (Blues Canalla): É unha banda cun repertorio principalmente centrado no blues eléctrico, con algunha incursión no soul. Os seus concertos son divertidos ao par que enerxéticos, traendo Chicago a este lado do Atlántico e precisamente a Carballo para que o público desfrute do blues máis canalla! 

Mr. Fishman (DR.THINK) (Dj Set/Tropical FreeStyle): Dj dos grupos  Telémaco e Safari Orquestra. Despois de actuar por algunhas das salas e festivais máis importantes de España (Fever, Sala Apolo, Sala Caracol, Reperkusion, Brincadeira, Sanfroidance, Eólica ou Freshweekend) e de contar co respaldo de medios como Radio3, Staff Magazine, Yodj ou Mondosonoro, actuaron no festival máis prestixioso do mundo "Sónar" en 2011.

  • ROTEIRO GUIADO - 3 DE XUÑO

Na derradeira xornada do festival gozaremos dun roteiro guiado polos diferentes murais desta edición e das tres anteriores.

LUGAR DE SAÍDA: Fórum Carballo, Praza dos Bombeiros Voluntarios s/n.
HORA: 17.00 horas.
DATA: Domingo 3 de xuño.
ASISTENCIA GRATUÍTA

Arte dende todos os puntos de vista, para toda a cidadanía e cun especial fin de festa no Fórum Carballo. Vinde ao Rexenera Fest!


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica