Carballo a un paso

Compartir:

Delicias gastronómicas para os hostaleiros de Carballo da man dun Estrella Michelin

O Fórum acolleu un taller de tapas cos chefs Iván Domínguez e Javi Freijeiro, que xa inspiraron ideas para a próxima edición de Carballo por Etapas

Taller de tapas nas cociñas do Fórum

Taller de tapas nas cociñas do Fórum

Os hostaleiros de Carballo estiveron esta semana de noraboa, xa que puideron aprender e gozar coa gastronomía da man dos chefs Javi Freijeiro e Iván Domínguez a través dun Taller de Tapas que tivo lugar no Fórum e, de paso, foron quecendo motores para a nosa ruta gastronómica, Carballo por etapas, prevista para finais de maio. Os cociñeiros foron mestres de excepción, especialmente Domínguez, director gastronómico do Grupo Amicalia e Estrella Michelin no restaurante Alborada da Coruña. Coñecido como o "cociñeiro atlántico" é considerado un dos chefs imaxinativos e de vangarda no panorama actual. Defende un maior achegamento á lonxa e á utilización do produto máis fresco. O seu traballo de recuperación de produtos autóctonos e a súa xusta elaboración para que cheguen con toda a súa esencia, practicamente "vivos" á mesa, é tamén aceno de identidade de Domínguez.

O aproveitamento dos desbotes na cociña ou a actualización das tapas tradicionais foron algúns dos temas do taller

Pola súa banda, Javi Freijeiro é responsable gastronómico do Grupo El Huerto, co restaurante La Bodeguilla en Santa Cristina (A Coruña), caracterizado por unha cociña de calidade pero tamén alcanzable. Tamén é moi coñecido polas súas intervencións en programas da TVG. Os dous xa están habituados a traballar xuntos en cursos e showcooking e en Carballo fixeron unha parada para axudar aos nosos locais a poñer en valor o produto autóctono, a actualizar o repertorio de tapas, e tamén a potenciar o aforro recorrendo á estacionalidade e ás técnicas de cociñado para aproveitar os produtos de descarte nunha cociña.

Xarda, chocos, cachucha, bacallau...

Algúns dos produtos empregados

Algúns dos produtos empregados

O luns 14 e o martes 15 de maio de 16.30 a 20.00 horas os asistentes ás cociñas do Fórum escoitaron ensinanzas sobre o aproveitamento das cabezas e espiñas do peixe como fonte de sabor, sobre as mellores formas de presentar un guiso, sobre a preparación de escabeches instantáneos, sobre o marinado con soia ou jengibre, etc. Entre os produtos traballados estiveron a xarda, os chocos, os espárragos, o ovo, o mollo de carne, os chícharos, a panceta, navallas, mexillóns, pescada, tirabeques, cachucha, brócoli, bacallau.... Fáisenos a boca auga!

Pero non vos preocupedes, pronto poderedes gozar de todas estas ensinanzas porque seguro que moitos dos hostaleiros aproveitarán o aprendido para poñelo en práctica en Carballo por etapas... Está a piques de botar a andar o tren que nos levará a probar a nosa mellor gastronomía. Mentres tanto, facémosvos gañas!


Feader Ministerio de agricultura, alimentación y medio ambiente Xunta de Galicia Deputación da Coruña Galicia Agader