Carballo a un paso

Compartir:

Carballo: derrubando muros con pintura, o libro da nosa arte urbana

O volume é un paseo ilustrado polas actuacións na vila contra o feísmo e comentado por escritores e xornalistas locais

Presentación do libro Carballo: derrubando muros con pintura

Presentación do libro Carballo: derrubando muros con pintura

“Derrubando muros con pintura” e Rexenera Fest, o Festival Internacional de Arte Pública de Carballo, tamén son libro, Carballo: derrubando muros con pintura. O noso proxecto de intervención urbanística, que naceu en 2014 cando decidimos substituír unha lona podre ubicada a carón da rotonda do barrio da Milagrosa por un mural da italiana Roberta Venanzi e da manchega Paula Fraile, medrou ata convertir a vila nun museo a ceo aberto contra o feísmo. Acadou en tan pouco tempo tal recoñecemento internacional, que moitos artistas de todo o mundo cursan cada ano solicitudes para participar no Rexenera e pintar nos nosos valados e paredes. Quen non tivese ocasión de contemplar a pé de rúa as obras, preto de medio centenar, pode facelo agora neste magnífico volume, no que puxemos todo o noso esforzo, fermosamente editado polo selo Engaiolarte, detrás do que están Xan Carballa e, para esta ocasión, como fotógrafo e ilustrador, Xulio Gil, Premio da Crítica Galicia en Artes Plásticas e Visuais en 2013.

A fotografía é de Xulio Gil, Premio da Crítica Galicia en Artes Plásticas e Visuais en 2013

Prologado polo escritor Xurxo Chapela, o libro recolle todos os murais que, iso pretendemos, agora reinterpretan a nosa realidade presente para mellorala, pouco a pouco, nunha transformación dos espazos comunitarios da cidade que sempre pensa nas persoas. Están as obras de todos os artistas locais que veñen participando cada ano no proxecto e tamén as dos dez pintores e grafiteiros convidados ás dúas edicións celebradas do Rexenera Fest e que en Carballo: derrubando muros con pintura aparecen comentadas por destacados autores e xornalistas carballeses: sobre os traballos de Bordalo II, Pixel Pancho, Nómada, Aryz, Dulk, Case Maclaim, Hyuro, No3l, Natalia Rak e Isaac Mahow deixan as súas suxestivas impresións Henrique Mariño, Cristina Abelleira, Xurxo Borrazás, Rosalía Fernández Rial, Ignacio Silva, Santi Pazos, Santi Garrido, Patricia Blanco, Farruco Graña e Belén Puñal.

Guía imprescindible

O libro Carballo: derrubando muros con pintura

O libro Carballo: derrubando muros con pintura

Carballo: derrubando muros con pintura é unha guía turística imprescindible que levará a nosa vila e os nosos murais ás librarías de toda Galicia. Que levará as nosas pinturas pero tamén as manifestacións doutras disciplinas artísticas que naceron con elas, como a literatura presente neste libro ou os documentais e a música de Fran Rodríguez e de Nani Mouro para “Derrubando muros con pintura” e o Rexenera Fest. Porque estamos convencidos de que Carballo é arte.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentación y medio ambiente Xunta de Galicia Deputación da Coruña Galicia Agader