Carballo a un paso

Compartir:

O FIOT celebra o seu 25 aniversario con 34 espectáculos e moita comedia!

Do 23 de setembro ao 29 de outubro, Carballo vive máis dun mes que invade de teatro cada recuncho da vila con propostas para todos os públicos

A presentación do festival estivo animada por tarta e cava

A presentación do festival estivo animada por tarta e cava

Teatro, Carballo é puro teatro! Durante máis dun mes cada recuncho da vila respira polos poros do FIOT, o Festival Internacional que se converte na cita cultural máis importante do ano e que nesta edición trae nomes como Fran Perea, Sara Escudero, Sergio Pazos, Manquiña, Yllana, Ron Lalá, Kulunka Teatro, Cándido Pazó... Son un total de 34 espectáculos, entre os que hai catro estreas absolutas e oito estreas en Galicia na programación de sala, no OTNI e na Rúa dos Contos.

O festival volve á coprodución con Cándido Pazó e O Tolleito de Inishmaan, un clásico moderno de gran éxito

Para celebrar as súas vodas de prata, o FIOT conta coa participación de compañías teatrais que marcaron a traxectoria do festival co obxectivo de homenaxear ao público. Deste xeito, o aperitivo corre a conta da compañía madrileña Yllana, unha das máis veteranas sobre os escenarios de Carballo, que o 23 de setembro tamén conmemorará na capital de Bergantiños o seu 25 aniversario. Dentro da programación de sala, un dos pratos fortes é a estrea absoluta, o 14 de outubro, de “O Tolleito de Inishmaan”, un moderno clásico universal, de gran éxito en todo o mundo, agora dirixido e adaptado polo Xograr do Outono Cándido Pazó e interpretado pola Xograr de Outono da edición de 2015, Susana Dans. A obra está coproducida polo FIOT.

Entre as estreas absolutas tamén destaca “Dous homes e un vespino”. Despois de facer rir a media Galicia, os populares cómicos Xosé Touriñán e Pepo Suevos presentan o 15 de outubro o seu novo espectáculo para cumprir co mandamento principal desta edición: divertirse e sacar un sorriso ao público.   O resto de estreas absolutas inclúense na programación da Rúa dos Contos, protagonizada polo Mago Álex co seu espectáculo “De ilusións tamén se vive” (1 de outubro) e Píscore con “Concerto singular” (7 de outubro).

Estreas en Galicia

La estupidez de Feelgood Teatro

La estupidez de Feelgood Teatro

A presente edición será testemuña de numerosas estreas en Galicia. Ademais do prólogo de Yllana, a compañía valenciana L’Om Imprebís adentrarase na esencia do FIOT cun xogo escénico, de luces e telóns con “La Crazy Class” (16 de outubro). Por primeira vez tamén chega a Galicia a obra “La estupidez” (29 de outubro), da compañía Feelgood Teatro, unha hilarante road-movie interpretada por coñecidos rostros do panamorama televisivo como Fran Perea e Toni Acosta.

A sesión dobre do 8 de outubro tamén contará coa estrea en Galicia de “Hey Bro! Hipstershow!”, do célebre comediante Rafael Maza (Fabiolo). A VII edición do ciclo OTNI unha dobre ración de estreas, cos espectáculos “Micro-Shakespeare” (21 de outubro) de Laitrum Teatre e “Penev” (27 de outubro) de La Teta Clava Producciones.

Shakespeare e Cervantes

As estreas en Galicia tamén mergúllanse na celebración do IV Centenario da morte de Cervantes e Shakespeare, que é un dos elementos principais desta 25ª edición. Este é caso da estrea na nosa comunidade de “Sueño de una noche de verano” (22 de outubro), de Metatarso Producciones.

As referencias aos mundos de Cervantes, como é o caso de “Rinconete y Cortadillo” (9 de outubro), de Sexpeare Teatro e a “Cervantina” (23 de outubro), versións e diversións sobre textos do autor español da man dunha das compañías máis aclamadas polo público de Carballo, Ron Lalá, que leva a cabo esta produción en coordinación coa Compañía Nacional de Teatro Clásico.

Fiotiño e Xograr de Outono

Unha das actividades do Fiotiño

Unha das actividades do Fiotiño

Os máis pequenos sempre teñen un oco no festival no marco das actividades do Fiotiño. Volve a “Noite branca no teatro” os días 24 e 25 de setembro. Os nenos poden divertirse mentras aprenden a ser xornalistas no “Pequeperiodistas”, unha actividade na que poderán entrevistar aos actores que veñen ao festival. Unha das novidades é “Time Lapse”, obradoiro para os fioteiros a partir de seis anos no que se realizará unha montaxe audiovisual onde nenos e adultos interactuarán bailando, interpretando e cantando. Na rúa poderase gozar dos espectáculos “Ritmo refugallo” (30 de setembro) do Trío Refugallo e “Tripula” (1 de outubro) dos Farrés Brothers. E, coma sempre, un veterano: o Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís, que reparte premios por valor de 850 euros.

Ademais, o festival volve a entregar o Xograr de Outono. No seu 25ª aniversario, o FIOT quere entregar o galardón a un dos actores que participou na primeira edición do festival e que é unha das figuras que iniciou o teatro alternativo, de compromiso e experimentación en Galicia. Trátase do Premio Nacional de Teatro Miguel de Lira, quen recollerá a súa distinción o 21 de outubro, unha vez que se baixe do escenario despois da representación de “Eroski Paraíso”.

Venda dos bonos e entradas soltas

Os abonos e entradas soltas poderán adquirirse este ano a través da plataforma Ticketea.com, co obxectivo de mellorar o servizo e aforrar custes ao espectador. Tamén se poderán mercar no teléfono 902 044 226, así como na web e na páxina de Facebook do festival. Tamén existe a opción de comprar as entradas os días de representación na billeteira do Pazo da Cultura ou do Mercado Municipal 90 minutos antes do inicio da función.

Este ano as entradas e os bonos poden mercarse en Ticketea, pero tamén a través do web e o Facebook do festival

Como outros anos, para asistir aos espectáculos poden adquirirse os bonos, que custan 75 euros para asistir a todas as representacións do auditorio (70 euros reducida). As entradas soltas varían en función da obra e van dos 7 aos 15 euros. O público en xeral poderá comprar os bonos a partir do 23 de setembro, mentras que os socios da Asociación Cultural Telón e Aparte deberán facelo entre o 19 e o 23 deste mes por vía telefónica. As entradas para os espectáculos da Rúa dos Contos estarán dispoñibles a partir do 23 de setembro nos locais nos que se representarán.

En paralelo, mantéñense outras actividades que xa son un clásico no festival, como a “Escola do espectador” impartida por Camilo Franco, o “Café con” e “Dalle un bocado ao FIOT

Valoracións e recoñecementos

O presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro, aparte de facer un percorrido polos 25 anos do FIOT e dun amplo recoñecemento das persoas colaboradoras, reflexionou sobre a necesidade de contar cun novo auditorio no que haxa un espazo escénico máis amplo.

O deputado provincial, Xosé Regueira, recolleu o guante de Sueiro e manifestou o ofrecemento da Deputación da Coruña de financiar “o 33%” do investimento necesario. Pola súa banda, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, sinalou que xa non é a primeira vez que se considera a construción dun novo auditorio e destacou que o FIOT é un dos “nosos soños compartidos”, que sempre serviu para “aunar esforzos e unir a todos”.


Ligazóns

Descargas

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica