Carballo a un paso

Compartir:

Carballo comeza a súa andaina internacional por festivais grazas á peli Sicixia

O filme, rodado en parte na costa e na capital carballesa, compite en outubro na Sección Oficial do XXI Festival Cinespaña de Toulouse

Un momento da rodaxe de Sicixia na costa carballesa

Un momento da rodaxe de "Sicixia" na costa carballesa

Carballo comeza a viaxar grazas a Sicixia! A longametraxe, de Vía Láctea Filmes, dirixida por Ignacio Vilar, (director de A Esmorga, entre outras) e rodada en parte en Carballo, vén de ser seleccionada na Sección Oficial do XXI Festival Cinespaña de Toulouse (Francia). Aínda lembramos o inverno pasado as peripecias do equipo de rodaxe tanto na costa carballesa, coma na rúa Coruña ou no bar O Pescador, onde veciños e veciñas fixeron de extras para unha orixinal e divertida festa.

O filme, concibido para poñer en valor o inigualable patrimonio material e inmaterial da Costa da Morte así coma o Rapa das Bestas de Sabucedo, foi seleccionada entre 128 longametraxes de ficción españolas e competirá con 6 longametraxes na categoría de ficción ante un xurado formado por recoñecidos profesionais do cinema francés.

Proxección internacional

Un momento da rodaxe de Sicixia

Un momento da rodaxe de "Sicixia" no Pescador

A peli opta á Violette d'or, Premio á Mellor Longametraxe, así coma aos Premios a Mellor director, Mellor actor/actriz protagonista, Mellor guión, Mellor fotografía, Mellor banda sonora e o Premio do Público. A participación dun filme cen por cen galego neste prestixioso certame supón de antemán un notable recoñecemento ao noso cinema e contribuirá á difusión da nosa lingua e da nosa cultura a través de dúas proxeccións durante o Festival: unha o luns 3 de outubro ás 18.00 h.; e outra o xoves 6 de outubro ás 19.15 h. nunha presentación do filme e coloquio co director, Ignacio Vilar, e o actor protagonista, Monti Castiñeiras.

A estrea en salas, incluíndo un pase especial nos cines de Carballo, está prevista para o próximo 25 de novembro

A estrea de Sicixia en salas -incluíndo un pase de estrea especial nos cines de Carballo- será o 25 de novembro de 2016. A película conta a historia de Xiao (Monti Castiñeiras) un enxeñeiro de son. Un novo encargo lévao á Costa da Morte para gravar os sons máis característicos da contorna. Alí coñece a Olalla (Marta Lado), unha guía local que recolle algas no Océano Atlántico. A partir de aí, as súas vidas fuxirán ao seu control coma mareas rexidas por unha lei superior.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica