Carballo a un paso

Compartir:

O mundo incrible e orixinal da infancia chega a Derrubando Muros con Pintura

Mon Lendoiro quixo representar a ollada inocente dos nenos e nenas no seu novo mural situado na rúa Luís Calvo, esquina con rúa Fiúnchos

O mural, situado na rúa Luís Calvo

O mural, situado na rúa Luís Calvo

O novo mural do proxecto de arte urbana Derrubando muros con pintura agocha unha historia que ten que ver coa vida, coa inocencia e co mundo infantil pero tamén coa esperanza ante a adversidade. O creador carballés Mon Lendoiro foi o encargado de darlle unha nova faciana a un vello edificio da rúa Luís Calvo (na esquina coa rúa Fiúnchos) e de contar unha historia na que un elefante rosa é o protagonista, acompañado dun neno e unha nena, dos animais que conviven con eles na selva, dun can -o seu amigo fiel- e, como Lendoiro explica "dun submundo incrible e orixinal", como é o dos máis cativos e cativas.

A obra reflicte un soño que tivo o autor que lle trouxo moita sorte; espera que tamén lle dea sorte a esa zona do pobo

O autor sinala que a idea do mural veu a el nun soño que tivo cando hai dous anos estivo ingresado no hospital a causa dunha grave enfermidade. "Un elefante rosa veume a visitar e levábame ao lombo por todo o hospital". Explica que era un elefante "cadrado e rosa" similar aos elefantes que debuxan os nenos, sen perspectiva e sen moito detalle, pero que á fin "encantoume". De feito, Lendoiro asegura: "Creo que me trouxo moita sorte e espero que o mural tamén lle dea sorte a toda esa zona do pobo".

E arredor deste elefante rosa xira toda a obra, que "non está pensada para os adultos, senón para os nenos, porque en todo o proxecto de Derrubando muros esquecémonos un pouco deles", sinala Lendoiro. Así, aínda que o seu primeiro traballo a carón da Biblioteca Rego da Balsa tamén ten un aire naíf, en realidade non está creado como se fosen os nenos e nenas quen pintasen os animais ou as flores e plantas que se reflicten nas paredes.

Un recordo para Yoshiro Tachibana

Dous nenos montan o elefante rosa

Dous nenos montan o elefante rosa

De feito, Lendoiro tamén tivo verbas para o pintor xaponés afincado en Muxía Yoshiro Tachibana, recentemente falecido. "Estou moi de acordo con el en que a infancia é un submundo" ao que sempre paga a pena voltar porque "os adultos somos aburridos e perdemos a inocencia; medramos e esquecemos a forma que tiñamos de ver o mundo".

Ademais, hai que mencionar que o debuxo que recolle o edificio da rúa Luís Calvo xa foi escollido en Santiago de Compostela para simbolizar a loita contra o cancro, xa que Lendoiro asegura que, dende que soñou con ese elefante, foi "case unha obsesión", unha arela que agora loce tamén nas rúas de Carballo.

Seguimos Derrubando muros con pintura! E plasmando soños...


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica