Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Cigarreiras, de Contraproducións, gaña o Premio...

Compartir:

Cigarreiras, de Contraproducións, gaña o Premio do Público da 30 edición do FIOT

OldPlay, de Antón Coucheiro, e a intérprete Sara Guerrero obteñen o recoñecemento das e dos asistentes ao Certame de MicroEscenas Metro2

Un momento da representación de Cigarreiras durante o FIOT

Un momento da representación de "Cigarreiras" durante o FIOT | 📷 Vanesa Rábade

15 de novembro de 2021- O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) dá a coñecer o palmarés da súa 30ª edición, celebrada entre os días 24 de setembro e 29 de outubro. O público decidiu, cos seus votos, escoller o espectáculo Cigarreiras, de Contraproducións, como a mellor obra do Programa de Sala do FIOT30. Cunha elevada puntuación (9,32 sobre 10), a peza dirixida por Cándido Pazó, que realizou unha residencia e preestrea no Pazo de Cultura no mes de setembro, resultou a clara vencedora dunha edición na que o público recoñeceu a calidade da programación dos espectáculos, nos que a media dda puntuación das funcións de sala acadou os 8,43 puntos. No segundo lugar, a peza máis valorada foi Solo un metro de distancia, de Serena Producciones; e Greenpiss, de Yllana, completa o podio deste FIOT. 

Xunto ao Premio do Público do Programa de Sala, as espectadoras e espectadores do FIOT tamén tiveron ocasión de escoller a peza e a interpretación máis salientables, segundo o seu criterio, do V Certame de Microescenas Metro Cadrado (M2), celebrado os sábados 9, 16 e 23 de outubro. A proposta OldPlay, de Antón Coucheiro, creada para desenvolver no parque infantil do Parque de Anllóns, foi a vencedora na categoría de mellor obra, mentres que Sara Guerrero, creadora de A miña casa é un palco de música, obtivo o recoñemento á mellor interpretación. Cada premio do M2 conta cunha dotación económica de 150 euros. 

A volta despois da pandemia

Cía Manolo Alcántara no FIOT30

Cía Manolo Alcántara no FIOT30 | 📷 Vanesa Rábade

No peche desta edición, a dirección do festival quere destacar a boa acollida entre o público nunha volta á case normalidade da programación regular escénica logo dun ano “en pausa”. Neste sentido, e mesmo durante a súa celebración, o FIOT tivo que afrontar con valentía as incertezas e cambios na regulación de capacidades dos recintos culturais (como o Pazo da Cultura) e diversos cambios da normativa sanitaria que afectaron á totalidade da organización dos espectáculos e actividades. Aínda así, o certame salienta que a resposta do público foi moi positiva e alentadora, ao encher practicamente todas as localidades dispoñibles na meirande parte dos espectáculos, o que reforza o apoio a unha extensa e ambiciosa programación de 38 espectáculos, dos cales 9 foron estreas absolutas, e outros 3 estreas en Galicia. Precisamente a calidade da programación do 30 aniversario do FIOT tamén foi recoñecida externamente: durante o desenvolvemento do certame, dúas das compañías participantes no Programa de Sala recibiron o Premio Nacional de Circo (Manolo Alcántara) e dous Premios Max (Nueve de Nueve Teatro).

As próximas edicións manterán propostas como o FIOT en ruta para achegar o teatro ás parroquias carballesas

Entre as estreas absolutas deste FIOT30 destaca O espello que arde, a segunda peza do FIOT Fónico, a proposta do festival coa que procura explorar a hibridación das artes escénicas coas ferramentas tecnolóxicas coa intención de poñer en valor Carballo, o territorio no que se desenvolve o certame, e provocar que a contorna da veciñanza sea desencadeante dunha ficción sonora. A intención da dirección do festival é favorecer que tanto esta peza, escrita por María Lado e dirixida por Marcos PTT, como a da primeira edición (A lúa, válvula de spray, de Rosalía Fdez. Rial dirixida por Quico Cadaval) estean dispoñibles para a veciñanza ao longo de todo o ano. Unha programación ambiciosa e de calidade, cun alto recoñecemento entre o público asistente, e a aposta polo dixital son os aspectos máis salientables do balance dun 30º aniversario no que o FIOT, ademais, inaugurou un novo ciclo: o FIOT en Ruta, co que levou propostas de artes escénicas de calidade (Chévere, Paula Carballeira) a diferentes localizacións da comarca bergantiñá, como as parroquias de Cances ou Berdillo. Este ciclo a tamén manterá a súa continuidade no 2022.

En resumo, remata un FIOT cheo de retos no que a organización quere agradecer a todo o público e a toda a grande familia do festival o seu apoio un ano máis. Deica o 2022!


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica