Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Carballo recoñece ás mulleres artesás cun mercado...

Compartir:

Carballo recoñece ás mulleres artesás cun mercado dedicado a elas o 13 e 14 de novembro

O 2º andar do Mercado Municipal acolle unha cita coa artesanía e a música tradicionais con obradoiros, concertos e actividades para a cativada

Mercado de Mulleres Artesás

Inscrición nos obradoiros do Mercado de Mulleres Artesás: gratuíta, do mércores 10 de novembro ao venres 12 de novembro ás 14.00 h.

Formulario de inscrición para o OBRADOIRO DE TRENZADO
 (adultos)

  • Sábado 13 de novembro
  • Horarios: De 17.00 a 18.00 horas (Grupo 1) De 18.00 a 19:00 horas (Grupo 2).
  • Lugar: Mercado municipal de Carballo (2º andar)
  • Nº prazas: 10 en cada grupo.
  • Admisión por rigorosa orde de inscrición

Formulario de inscrición para o OBRADOIRO DE BORDADO (adultos)
  • Domingo 14 de novembro de 16.30 A 17.30 h.
  • Lugar: Mercado municipal de Carballo (2º andar)
  • Nº prazas: 10
  • Admisión por rigorosa orde de inscrición. 

Formulario de inscrición para o OBRADOIRO INFANTIL DE CREBAS (crianzas)

  • Domingo 14 de novembro de 17.00 A 18.00 h.
  • Nº prazas: 10.
  • Admisión por rigorosa orde de inscrición. 

8 de novembro de 2021 - O sábado 13 e o domingo 14 de novembro Carballo celebra o Mercado de Mulleres Artesás, unha cita na que render homenaxe a este colectivo a través dun evento no que haberá espazo para desfrutar da artesanía e a música tradicionais con numerosas actividades, tamén para os máis cativos e cativas. O obxectivo deste mercado é o de poñer en valor e reivindicar o gran labor que levan facendo dende sempre as mulleres artesás, e tamén ver como as novas xeracións seguen tomando o relevo destas profesións, adaptándose aos novos tempos.

O 2º andar do Mercado Municipal converterase nunha mostra de artesanía e deseño nunha viaxe pola tradición de palilleiras, redeiras ou sancosmeiras, pero no que tamén haberá cabida para ver a evolución do sector e os vimbios de futuro. Todos os postos terán mulleres á fronte, incluíndo a cinco de Carballo: Marilá Gómez Caamaño con olería, Isabel Andrade con xoiería, Rakelúa con coiro, Vivo Macramé (Nuria Varela) con macramé e Amigurumicri con crochet. En total serán arredor de 30 artesás que porán á venda e amosarán o seu traballo ao público entre as 12.00 e as 21.00 h.

Ademais, haberá un espazo específico dedicado a mulleres artistas de Carballo no que estarán Isa Bermúdez e Nerea Rama, que participaron en Derrubando Muros - Edición Verán o pasado mes de agosto realizando sendos murais para a vila; e tamén María Barca, que creou a postal "Ti es de aquí ou ves á feira?" para a campaña Máis de Carballo que o pan... As tres contarán con exposición e venda e Isa Bermúdez estará ademais pintando ao vivo.

Exposicións, reportaxes, obradoiros…

A cita complétase con numerosas actividades paralelas que durante dous días encherán de vida o Mercado Municipal. O día da apertura está previsto inaugurar unha exposición fotográfica sobre as mulleres artesás e tamén proxectar unha reportaxe documental con entrevistas coas máis veteranas que ofrecen unha interesante visión das súas profesións. Ademais, tanto o sábado coma o domingo haberá sesión vermú e actuacións musicais vespertinas con pandereteiras, Djs e mesmo poesía.

O programa contará tamén con obradoiros para público adulto e tamén para a cativadaA inscrición pode formalizarse cubrindo os formularios que hai ao principio desta nova entre o mércores 10 de novembro e o venres 12 de novembro ás 14.00 h. Entre eles, un obradoiro de trenzado impartido polas sancosmeiras e outro de bordado con Lúa Mosquetera. E para nenas e nenos, haberá pinta caras tanto o sábado coma o domingo coa artista coruñesa Mamen Bazarra; e o domingo, un obradoiro de crebas sobre como converter os refugallos nunha obra de arte.

Solidariedade

Aproveitando a proximidade das datas de Nadal, o 2º andar do Mercado contará así mesmo cun posto especial, o de Cruz Vermella Carballo. O obxectivo é a recollida de doazóns de alimentos non perecedoiros e xoguetes. Como cada ano, prégase que os xoguetes sexan novos. Quen así o desexe, poderá entregalos no Mercado e a cambio, e ata fin de existencias, recibirá unha camiseta ou unha bolsa de merchandising do Mercado de Mulleres Artesás.

PROGRAMA COMPLETO

  • Sábado 13 Novembro
12:00- Apertura do evento coa inauguración dunha exposición e a proxección dunha reportaxe sobre mulleres artesás.

13:00- Sesión vermú con pandereteira e Sñra. Dj: percorrido dende a música máis tradicional ata as novas tendencias musicais emerxentes de Galicia.

16:00-20:00 - Pinta caras para os/as cativas levada a cabo pola artista coruñesa Mamen Bazarra.

17:00-18:00- Obradoiro de trenzado impartido polas sancosmeiras.

19:00-20:00- Actuación de pandereteira.      

20:00-21:00- Peche con Sñra. Dj: percorrido dende a música máis tradicional ata as novas tendencias musicáis emerxentes da nosa comunidade.

  • Domingo 14 Novembro
12:00- Apertura do mercado

13:00-15:00- Sesión vermú con Beta B2B Riquiña, parella de dj´s emerxentes afincadas en Santiago de Compostela, con ritmos de música electrónica e experimental con folclore, ata pop con techno.

16:00-20:00- Pinta caras para a cativada: levada a cabo pola artista coruñesa Mamen Bazarra.

17:00- 18:00- Obradoiro de crebas para a cativada: taller creativo de como converter os residuos nunha obra de arte.

16:30- 17:30- Obradoiro de bordado con Lúa Mosquetera.

19:00-20:00- Actuación da poeta Lúa Mosquetera.

20:00-21:00- Sesión final con Beta B2B Riquiña, parella de DJs emerxentes afincadas en Santiago de Compostela con ritmos de música electrónica e experimental con folclore, ata pop con techno.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica