Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Este domingo, sendeirismo pola Ruta das Férvedas

Compartir:

Este domingo, sendeirismo pola Ruta das Férvedas

A asociación Senda Nova organiza un percorrido polo Carballo interior

Camiño centenario da Ruta das Férvedas

Este domingo volvemos a saír de ruta coa asociación Senda Nova. Desta vez, serán ao redor de 15 quilómetros pola única ruta oficial de sendeirismo do concello, a Ruta das Férvedas. Unha oportunidade para coñecer o Carballo interior, por corredoiras centenarias e polos fermosos currunchos da Depresión Meridiana, unha sucesión de fallas que atravesa Galicia dende Razo até Tui, e que, ao seu paso por Carballo, dá lugar ás fervenzas de Rus e de Entrecruces, os dous puntos que lle dan nome á ruta. Pero vaiamos paso a paso.

-De onde imos partir?

-A andaina comezará no Pazo da Cultura. Atravesaremos Carballo pola beira do río Anllóns até chegar ao Bosque, e unha vez alí colleremos até a Brea, un dos tres lugares máis antigos de Carballo, xunto con Cernide e A Lagoa. Por certo, sabes que o nome da Brea, segundo algunhas hipóteses, podería vir de "vereda"? Un antigo camiño, que viña da Coruña e atravesaba pola Feira de Berdillo, pasaba tamén por aquí, e proseguía probablemente cara a Fisterra.

-A onde chegaremos?

-A ruta rematará xunto á fervenza de Entrecruces, un espectacular salto de auga  de ao redor de 40 metros, que rompe sobre a pedra, partíndose en dous. É unha das paisaxes interiores máis fermosas de Carballo. Preto dela, veremos un conxunto de muíños restaurados e os restos dunha antiga central hidroeléctrica, que aló polos comezos do século XX foi a primeira que nutriu de luz eléctrica Carballo e os trolebuses que unían a vila coa Coruña.

-Que é iso dos camiños reais?

-Unha das xoias da ruta é unha vella e fermosa corredoira, por onde camiñaremos coa escolta dos loureiros á beira, que une o Outeiro, en Rus, até preto da igrexa de Entrecruces. Os veciños e as veciñas coñéceno como camiño real. Os camiños reais eran, en tempos pasados, os camiños do rei, polos que non era preciso pagar impostos á hora de pasar. Non sabemos se este o era, pero é probable que si polas súas características, e é un dos dous camiños antigos que, segundo o historiador bergantiñán Xosé Pumar, unían Carballo con Compostela.

Igrexa de Santa María de Rus

Igrexa de Santa María de Rus

-Que patrimonio imos visitar?

-O percorrido pasa por dúas das igrexas máis importantes do concello. Por unha banda, a igrexa de Rus, unha xoia do barroco na nosa zona, que ten sido descrita como a catedral de Bergantiños. Por outra, a igrexa de San Paio, a máis antiga do concello e a única na que podemos apreciar con claridade a súa orixe gótica, evidente na bóveda de cruzaría que veremos no seu interior. Tamén pasaremos pola igrexa de Ardaña e pola de Entrecruces, cun fermoso cruceiro á súa beira.

-Cal é a orixe desta ruta?

-A Ruta das Férvedas ten a súa orixe nas Sendas do Apóstolo, unha das primeiras rutas de sendeirismo deseñadas por José Manuel Menéndez, de Senda Nova, aló a mediados da década pasada. A Ruta das Férvedas é o primeiro tramo dese percorrido que une Carballo con Santiago de Compostela.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica