Nova cita do Autocross Carballo!
A competición celébrase o sábado 18 de setembro no Circuíto Municipal de Bértoa e participan todos os favoritos ao título
14 de setembro de 2021 - Carballo volve a ter unha cita co motor o sábado 18 de setembro coa celebración do 13 Autocross Carballo. A proba, puntuable para o Campionato Galego da especialidade, supón a segunda cita do certame autonómico despois de Arteixo e chega coas espadas en alto ao circuíto de Bértoa, contando cos grandes favoritos ao título en pista, o que ofrecerá aos afeccionados unha grande xornada de automobilismo. Coa lista de inscritos xa pechada cun total de 46 pilotos, a escuadra Máis Motor -organizadora da cita, que conta coa colaboración do Concello de Carballo- sacará adiante unha proba na que estarán presentes todas as categorías, destacando a de carcross cun total de 19 inscritos como a máis numerosa delas, seguida moi de preto da clase I (vehículos de estrita serie) que contará con 13 equipos; completan a lista os vehículos de máis de 1.600 centímetros cúbicos e a categoría de supercrosscar e 4×4, nas que, 9 e 5 equipos, respectivamente, pelexarán polo triunfo.
Do mesmo xeito que na cita do Campionato de España de Autocrós, o aforamento do circuíto municipal de Carballo estará limitado a un milleiro de espectadores, que poderán facerse coas súas entradas de forma online a través da web da proba ou no propio despacho de billetes até completar aforamento. Recoméndase a adquisición online para evitar as esperas e aglomeracións nas inmediacións do despacho de billetes, e así colaborar na medida do posible coas medidas sanitarias de distanciamento social. As entradas poden comprarse a través de Internet (www.autocrosscarballo.com), e os boletos tamén se poderán adquirir o propio día en despacho de billetes. A décimo terceira edición do Autocrós Carballo arrinca ás 12.00 horas cos adestramentos: semifinais ás 15.30, e finais a partir das 17.15 horas.
Pilotos favoritos: clases I e II
Despois do espectáculo vivido o pasado mes de xullo coas carreiras do campionato nacional, unha vez máis os grandes favoritos ao título estarán en pista. Na clase I (vehículos de estrita serie), Isaac Calvo chega como líder tras unha gran demostración na final da primeira cita, aínda que os seus rivais tentarán evitar a súa segunda vitoria para manterse con opcións ao título no que resta de tempada nunha categoría na que a destreza ao volante e o coidado da mecánica son fundamentais. Nesta categoría o larachés Álvaro Freire marcha terceiro.
Con preparacións máis competitivas, na clase II, destinada a vehículos de tracción dianteira con motores de máis de 1.600 centímetros cúbicos, o piloto da escuadra Máis Motor, o carballés Daniel Castro, tentará facer valer o de "correr na casa" para sumar un novo triunfo que lle sirva para aumentar a súa vantaxe á fronte da verificación. Con todo, terá en fronte a varios rivais de entidade que non lle porán as cousas sinxelas ao piloto do Peugeot 106.
Pilotos favoritos: carcros e supercrosscar
Na categoría reina, Carcross, a grella conta con algúns dos mellores pilotos de Galicia, e pelexarán pola vitoria varios pilotos que teñen no seu haber títulos autonómicos e estatais, o que asegurará un gran espectáculo. O vixente campión, Joaquín Chamorro, terá que resarcirse do resultado obtido na cita inaugural, do mesmo xeito que Antón Muíños, que está a callar unha gran tempada de adaptación ao A Base SX01, e que quedou ás portas do podio no arranque da tempada, dúas posicións por detrás do carballés Maikel Vilariño, que como fabricante do A Base SX01 demostrou que regresa á competición con ganas de alzarse co que sería un cuarto título, que lle situaría como o piloto máis laureado da historia do Campionato Galego de Autocrós na categoría de carcross. Outro carballés, Javier Ramilo, a bordo do seu Yacarcross, tentará volver subir ao máis alto do podio.
Por último están os supercrosscar e 4×4, nos que o Autocrós de Carballo vivirá o regreso de Amador Vidal, nesta ocasión ao volante dun Peugeot 208 N5, que terá na piloto local, a pontecesana Sandra García, unha forte rival coa súa Peugeot 208 Proto propulsado por dous motores de moto. Fronte aos dous pilotos dos vehículos da marca do león, estará o incombustible Seat Eivissa de Mario Ríos, así como o Subaru Impreza de David González, que fará valer a potencia do seu vehículo. A grella complétaa o carballés Daniel Castro a bordo dun Daewoo, o que supon un dobre aliciente para o actual líder da clase II.
HORARIOS
- 09:00h – 11:15h: Verificacións administrativas e técnicas
- 12:00h: Sesións de adestramentos libres
- 13:15h: Sesións de cualificación
- 15:30h: Semifinais
- 17:15h: Finais B
- 18:20h: Finais