Volve o Xiria Pop: o 24 e 25 de setembro!
O festival de música máis lonxevo de Carballo cumpre 24 anos con grupos galegos, pero tamén de Barcelona, Madrid, Xixón, Santander ou Murcia
14 de setembro de 2021 - O festival de música máis lonxevo de Carballo, o Xiria Pop, volve este ano para cumprir 24 outonos enriba dos escenarios. E faino nun lugar histórico para a vila, como é o Casino, o venres 24 e o sábado 25 de setembro. Pablo Solo (Santander), Ángel Kaplan (Xixón), Jabato (Madrid) e Los Malinches (Murcia) son a proposta para a primeira xornada; mentres que Escombros (Madrid), The Brosas (Burela) e Las Sombras (Barcelona) enchen o cartel do sábado do que caeron os galegos Samesugas por problemas alleos á organización. No seu lugar haberá una sesión vermú cos ferrolanos Quant. Respecto das entradas, por motivos de aforo este ano só están dispoñibles os bonos para o venres e sábado, que poden mercarse en Woutick.es por un prezo de 15€. A apertura de portas é ás 21.00 e está previsto que os concertos comecen ás 21.30 h.
VENRES
- Los Malinches (Murcia). Alberto Charro, Juan Malinche, Paul Ruiz e Vicente Navarro forman esta banda que xorde dun interese por revivir o son da nova onda e o garage surf psicodélico que protagonizaron moitos conxuntos de toda Latinoamérica a finais dos anos sesenta.
- Jabato (Madrid). Son un grupo que xa estivo no festival e que está formado por César (guitarras, baixo, teclas e voz) Marta (batería, percusión e coros) e David (baixo e coros). Os compoñentes formaron ou forman parte doutras bandas como Jíbaros, Altavista... A súa música é unha mestura de power pop, new wave e rock'n'roll con hits redondos de rúa con guitarras cristalinas e letras incisivas.
- Ángel Kaplan (Xixón). Es moi coñecido pola súa militancia nos power-poperos Bubblegum, cuxos destinos dirixe dende hai unha década; ou pola súa etapa como baixista de Doctor Explosion. Lanzou o seu debut en solitario en 2008 con Transparent Dayze, un mini LP autoproducido, e o seu primeiro longa duración foi Pictures From The Past (Sunny Day Records), a súa grande oportunidade para meter a cabeza na escena pop sixties.
- Pablo Solo (Santander). É un compositor, cantante e multiinstrumenta cántabro. Tras a disolución de The Puzzles, Pablo Fernández transformouse en Pablo Solo e lanzouse en solitario con Alondras, un compendio de cancións gravadas na súa propia casa que viu a luz con Folc Records. O disco, de escoita amena e fascinante, mostra a un compositor prolífico e en estado de graza.
SÁBADO
- Las Sombras (Barcelona). É un grupo de música punk e garaxe rock xurdido en 1989. Está formado por Xavier «Sam», guitarra, Claudio Glaesmer, guitarra e coros, Albert «Bowie», batería e Martini Tamer, baixo e coros. Fieis a un método que combina os acordes xustos e unha actitude compulsiva Las Sombras sobreviven atrincheirados no seu reduto sónico: un universo paralelo que se regodea en calquera axuste xurdido do primeiro elepé de The Who e na insensatez dunha cara B de Johnny Moped.
- The Brosas (Burela). The Brosas son unha banda composta por Lorenzo (baixo), Bernardo (guitarra e voz), Rubén (guitarra) e Gara (batería). O seu son fórmano as cancións contundentes en galego, directas, clariñas e concisas: boogie rock desquiciado, furia redneck e ferro a fondo ata que parta o pistón.
- Escombros (Madrid) está formado por Miguel (voz e guitarra), Sanet (guitarra), Parli/Eddie (baixo) e Federico (batería). A súa música é unha mestura de punk rock, rock’n’roll e garaxe, con temas de sucio e chirriante rock’n’roll cargados de nervio e actitude, combinando o rock urbano dos 70 co punk rock dos 80.
- Xiriavermú con Quant. Chegados de Ferrol volven coas súas letras desenfadadas e guitarras limpas para comezar coa festa do Xiria Pop ao mediodía.