O Interplay convirte Carballo no escenario dunha serie post-apocalíptica
O mércores 8 de setembro arrinca a 8ª edición do Festival de Contidos Dixitais coa estrea de dous capítulos da serie Dinosaurios gravados na vila
Rodaxe de Dinosaurios do Obradoiro Kamikaze na costa carballesa | 📷 Leticia T. Blanco
NOVAS RELACIONADAS:
- Ábrese o prazo para presentar series ao VIII Carballo Interplay!
- 23 webseries de todo o mundo compiten na sección oficial do VIII Carballo Interplay
- O Interplay reunirá en Carballo aos Masters da internet de Galicia
- O Interplay trae a Carballo o humor máis activista e disidente da Internet española
7 de setembro de 2021 - A praia de Baldaio e as rúas de Carballo acolleu no mes de setembro a gravación dunha serie post-apocalíptica, dentro do Obradoiro Kamikaze que dá o pistoletazo de saída ao Carballo Interplay 2021. As imaxes da vila poderán verse o próximo mércores, día 8, na estrea mundial dos dous "Dinosaurios" ideados e editados por unha ducia de estudantes e de profesionais do sector audiovisual galego coa que arrincará a 8ª edición do Festival de Contidos Dixitais. Como todas as actividades do Interplay, esta estrea será presencial e gratuíta, previa reserva de entradas na web do festival. A maioría das actividades poderán verse, tamén, en Youtube, Facebook e Twitch, vía streaming.
Co humor e co cambio social por bandeira, o Interplay trae este setembro por 8º ano consecutivo a Carballo as últimas tendencias na creatividade social de Galicia, de España e do resto do mundo. Na Sección Oficial compiten series de Arxentina, Chile, Ecuador, Canadá, Estados Unidos, Australia, Alemania e Israel, ademais de Galicia e do resto de España. Unha completa panorámica do que se está cocendo no mundo das series a nivel global, coa comedia como fórmula preferida polas creadoras e os creadores dixitais para contar as historias máis diversas e dando conta da enorme relevancia que adquiriron as temáticas sociais nas producións audiovisuais máis anovadoras e persoais.
Premios e sección oficial
A organización do Interplay reserva, tamén, un momento para botar a vista atrás e analizar o pasado e o presente das series web en Galicia da man de creadoras de e creadores como Sonia Mendez (Angélica y Roberta), Irene Pin (Amnesia 3.0), Javi Camino (El viudo quiere mimos), Óscar Cruz (colectivo Porco Bravú) ou Lucía Estévez (Xan). E, como ven sendo habitual nas últimas edicións do festival, o Carballo Interplay non se limita a seleccionar e ofrecer o mellor do contido dixital global, senón que quere contribuír a fomentar a creación dixital innovadora, en lingua galega e para o mundo, para o que conta cun premio ao proxecto de serie en lingua galega que ofrece 3000 euros para a creación dos tres primeiros capítulos.
O xoves 9 pola tarde competirán por ese galardón catro comedias con distintos graos de acidez e propostas estéticas ben alonxadas: Pulp Air, unha comedia pop de Helfunk Studio (Anita Pico e Rocío López); Pringadas, un drama come of age de Belén Puime Bao; Trela, Clínica de suicidios, unha comedia dramática de Gemma Do Carmo e Margot Alvarado dirixida por Cris Andina; e Non son a túa avoa, unha historia de desencanto, roubos e desaparacións creada por Pedro Souto. De seguido, o gañador do premio a pasada edición do festival, David Fidalgo, estreará os tres primeiros capítulos de Cacola, unha webserie de animacións irreais e historias autoconclusivas cun ton de comedia absurda na que todo pode pasar.
Encontros
Percebes y Grelos, Living Postureo e Henar Álvarez
Un dos obxectivos do Carballo Interplay é seguir transformando, medrando, ensinando, e promocionando o talento galego na rede. Por isto, nesta edición, o equipo do festival artellou un encontro cos principais puntas de lanza nas novas narrativas dixitais do país moderado por Alba Mancebo e Esther Estévez, dúas das caras máis novas e máis representativas da presenza da TVG na rede. Entre os "Masters da internet" que analizarán en qué momento se atopa a creación dixital en Galicia e qué retos afrontará no futuro atópanse os ilustres gañadores do premio Galitwitter, Jon Amil e Mira1cousinha; representantes de dous dos podcasts máis exitosos do último ano, Samuel L. París (MBA mal) e Carme D. Prol (Café Derby 21), da man do creador de Podgalego, Isaac González; creadoras de contido para Youtube, Olaxonmario e Nee Barros, e Tik Tok, Malva e Leti da Taberna; ou un dos impulsores da iniciativa Twitch en Galego, Agos Reigosa.
Ademais, o venres 10, o Carballo Interplay recupera programación profesional con Portugal como país convidado. Ao longo de toda a xornada, haberá presentacións e debates e establecerase un punto de encontro para que creadoras/es, empresas produtoras e plataformas de Galicia, de España e de Portugal contacten e intercambien ideas para posibles proxectos e colaboracións futuras.
Moito humor
Pecharán a xornada e abrirán a fin de semana dous dos pratos fortes do festival: un completo repaso polos momentos penosos da internet da man de dous todoterreos do humor intelixente, a Pochosfera de David Pareja e Lorena Iglesias, e o show que ofrecerán tres das cómicas máis relevantes do panorama estatal actual Rajando con... Carolina Iglesias, Victoria Martín e Henar Álvarez. A guionista, cómica e comunicadora galega Carolina Iglesias volve ao Interplay para "rajar" sobre o divino e sobre o humano coa súa compañeira e socia, a xornalista, guionista e colaboradora de televisión e radio Victoria Martín, despois de gañar o Premio a Mellor Serie con Válidas a pasada edición, na que tamén lle ofreceron ao público do festival un episodio especial do seu exitoso podcast Estirando el chicle. Acompañaráas neste show único -para o que se esgotaron as entradas en menos dun minuto, pero que tamén se poderá ver por streaming- unha das voces máis visibles e persoais da comedia actual, Henar Álvarez, presentadora de Buenismo bien (Cadena Ser) e que acaba de estrear o primeiro "Late Night" da plataforma Twitch.
O sábado 11, chegarán Esnórquel e Perra de Satán co seu podcast ¿Puedo hablar! onde cada semana analizan, co seu particular humor e sen censura, cuestións como a saúde mental, os seus corpos, a política, a cultura, o ligoteo, o sexo, a depresión... e moita televisión dos noventa. Esnórquel será, tamén, o encargado de ofrecer o seu Código Fonte Audiovisual, un percorrido por vídeos de youtube de alcance queer que marcaron a súa adolescencia na aldea e na universidade, de xeito paralelo ao seu crecemento como "maricón pintao".
A internet de mudar as cousas
Internet parece un espazo onde agroman os comportamentos tóxicos, favorecidos por uns misteriosos algoritmos que multiplican o seu alcance entre unha sociedade debilitada e fácil de alporizar. A rede hai tempo que deixou de ser un espazo de utopías para albergar algunhas distopías con graves consecuencias do outro lado das pantallas. Nun espazo gobernado polos clics, os likes e a sobreexposición continua, hai espazo para os discursos disidentes? Como se combaten os discursos de odio? Cales son as claves para xerar espazos de seguridade?
O Carballo Interplay falará sobre Activismo na rede con Pol Andiñach (Vilassar de Mar, 1991), coordinador do colectivo de xornalistas Cuellilargo e autor do libro Todo el mundo puede ser antifa. Manual práctico para destruir el fascismo (2021); con Laura Tabarés (León, 1991), membro do colectivo de produción cultural especializado en virtualidade e programas educativos con perspectiva feminista Ontologías Feministas; e con parte da colectividade millennial Proyecto UNA, que investigan sobre as guerras culturais de poder nos medios, Internet e a realidade analóxica.
E, sen perder de vista o papel do humor no activismo e na disidencia, o festival conversará de Humor, precariedade xeracional e ilustración coa viñetista, cómica e creativa Anastasia Bengoechea (Barcelona, 1982), Monstruo Espagueti; coa ilustradora e humorista Violeta Navas Ortega (Granada, 1994), La Prados; e coa viñetista Roberta Vázquez (Santiago de Compostela,1989), autora do cómico ¡Socorro! coa editorial Apa Apa.