Mr Kilombo, en Carballo con Derrubando Muros con Pintura
O coñecido cantante de Sinmigo, que ten colaborado con artistas coma Rozalén, estará nun concerto de balde o sábado 14 de agosto
Mr. Kilombo
NOVAS RELACIONADAS:
- Este verán seguimos Derrubando muros con dez días nos que Carballo gañará catro novos murais
5 de agosto de 2021 - Este verán, Derrubando muros con pintura vén acompañado de música e concertos e un deles terá como protagonista a Mr. Kilombo. Artista coñecido por temas como Sinmigo no que sacou unha colaboración con Rozalén, ou Tiempo al tiempo nunha colaboración con Muerdo, estará o sábado 14 de agosto para poñerlle música aos murais de arte urbana de Carballo coas súas cancións. A cita será de balde a partir das 22.00 h. no palco da rúa Jacinto Amigo Lera e con acceso libre sempre respectando as medidas de seguridade COVID. A cita enmárcase nas actividades da Edición Verán (do 12 ao 22 de agosto) de Derrubando muros con pintura, na que catro artistas carballeses crearán catro novos murais para a vila, e na que haberá, ademais de música, visitas guiadas, faladoiros, obradoiros e moita pintura.
Todas as citas son de balde, con acceso libre ata completar o aforo respectando as medidas de seguridade COVID
Á fronte de Mr. Kilombo está Miki Ramírez, quen xunto a toda a súa banda, ofrece unha posta en escena enérxica que pode gozarse na xira Contra todo pronóstico que está en marcha desde principios de 2021. Despois de estar en moitas cidades, incluídas Madrid e Barcelona, vén a Carballo neste mes de agosto. A principios de 2020 publicaba o seu quinto traballo Cortocircuitos (Kilombo Records) e xusto agora acaba de sacar unha nova versión do tema principal do disco, Cabecita loca, xunto con Roy Borland. Non é a primeira vez que Mr. Kilombo volve gravar os seus discos acompañado de grandes amigos, e este é o plan que ten o madrileño para Cortocircuitos, polo que aos poucos iremos descubrindo que duetos ten preparados para as nove cancións restantes do álbum -que xa contaba coa participación de Macaco no tema Por su camino. E, por suposto, ademais dos novos temas poderemos escoitar en Carballo os seus grandes éxitos doutros traballos.
Recital con Rosalía Fernández Rial e concerto con Pauliña
Pauliña e a súa banda
Xusto antes da actuación de Mr. Kilombo, haberá pegada carballesa tamén o 14 de agosto, xa que as actividades no palco da rúa Jacinto Amigo Lera comezan ás 20.30 cun encontro cos catro artistas que pintan este verán: Isa Bermúdez, Nere Rama “Bailando na lúa”, Nazaret e Tucho. E ás 21.30, a poetisa e escritora tamén de Carballo Rosalía Fernández Rial ofrecerá un recital. Como creadora, en especial de poesía, Rosalía rexenérase en cada un dos seus libros, entre os que destacan: En clave de sol (2009), Átonos (2011), Vinte en escena (2012), Un mar de sensacións (2012), Ningún amante sabe conducir (2014), Contra-acción (2016) ou Sacar a bailar (2016). Títulos que cos que se metamorfosea en presentacións performánticas e musicais e que tamén foron levadas ao ámbito audiovisual. Sempre interesante nas súas propostas, tamén creou unha peza teatral baseada nos murais de Derrubando muros con pintura para o FIOT 2020 titulada A lúa, válvula de spray.
E como non podía ser doutro xeito, a Edición Verán de Derrubando Muros con Pintura péchase con máis música, neste caso da man de Pauliña. A artista de Cambados vén de lanzar o seu terceiro traballo discográfico baixo o título Testemuñas. Durante o concerto reflectirá o contido do álbum, caracterizado por unha fluída variación de estilos e unha forte dose de compromiso, con aproximacións ao blues, ao rock, ao country e mesmo ás rancheiras e ao reggae. Todo, coa loita feminista, a reafirmación persoal e a defensa da terra e a lingua coma principios da súa mensaxe. Aquí tendes un dos seus temas: Orghullosa de ser muller.