23 webseries de todo o mundo compiten na sección oficial do VIII Carballo Interplay
O festival ofrecerá do 8 ao 11 de setembro propostas, entre outros, de EEUU, Arxentina, Australia, Alemania ou Israel, ademais de España e Galicia
NOVAS RELACIONADAS:
- Ábrese o prazo para presentar series ao VIII Carballo Interplay!
5 de agosto de 2021 - 23 webseries de todo o mundo competirán na sección oficial da oitava edición do Festival de contidos dixitais Carballo Interplay, que se celebrará os días 8, 9, 10 e 11 de setembro na capital de Bergantiños atendendo ás restricións ditadas polas autoridades sanitarias, e que repartirá máis de 6.600 euros en premios. A organización do festival elixiu, entre as propostas chegadas de todo o mundo, un total de 4 series galegas e en galego, 6 do resto do Estado e 13 do resto do mundo, entre as que tamén hai unha produción americana das galegas Also Sisters.
O festival de contidos dixitais repartirá 6.600 euros en premios, incluíndo o premio do público, de 400 euros
Cada un destes bloques competirá por cadanseu premio de 800 euros, que decidirá o xurado do festival, composto por David Pareja, Henar Álvarez, Fer Epelde, Sara Varela -en representación da Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG)- e David Fidalgo, en nome da Asociación de Profesionais da Dirección e a Realización de Galicia (CREA). Ademais, o público decidirá cos seus votos entre todas elas un premio de 400 euros e un xurado novo composto por Tania Prieto, Sara Riveiro e Lúa Pagán entregará outro premio de 400 euros. Entre as webseries internacionais que se poderán ver no 8º Carballo Interplay hai propostas de Arxentina, Chile, Ecuador, Estados Unidos, Canadá, Australia, Arxentina e Israel. A maioría das series son en español (5), galego (7) e inglés (4), pero tamén se escoitarán historias en euskera, alemán, francés, árabe e hebreo.
Comedia e temáticas sociais
O Carballo Interplay ofrecerá, como vén facendo cada ano dende o seu nacemento, unha completa panorámica do que se está cocendo no mundo das series a nivel global. Atendendo a esta panorámica, a comedia sigue sendo a fórmula preferida polas creadoras e os creadores dixitais para contar as historias máis diversas. Dende o humor disparatado e a autoparodia á comedia sutil con transfondo social, 15 das 23 series finalistas empregan o humor e a porcentaxe mantense no total das propostas recibidas.
O público que se achegue á Sección Oficial deste 8º Carballo Interplay poderá comprobar, tamén, a enorme relevancia que adquiriron as temáticas sociais nas producións audiovisuais máis anovadoras e persoais. As identidades sexuais e de xénero en conflito cos imperativos sociais, a loita pola supervivencia das persoas migrantes e, moi especialmente, das demandantes de asilo ou a defensa dos dereitos dos animais son algunhas das cuestións sobre as que poñen o foco as e os creadores audiovisuais da Internet global este 2021. Por suposto, tamén aparecen a pandemia, a dependencia do like favorecido polas redes sociais, a precariedade laboral e as desigualdades que sofren as mulleres polo simple feito de selo. E algunhas doses de romance e de beleza formal, para axudar a sobrelevar as dificultades e os problemas.