Carballo Interplay: máis de 23.000 visualizacións na súa primeira edición 100% na rede
O Festival de Contidos Dixitais ofreceu 26 horas de contidos en streaming a través de tres plataformas: Youtube, Facebook e Twitch
NOVAS RELACIONADAS:
- Chega o festival de contidos dixitais Carballo Interplay: do 18 ao 21 de novembro!
- Brays Efe, Living Postureo, Percebes y Grelos ou Lorena Iglesias: no VII Carballo Interplay
- 31 webseries de Europa e América compiten na sección oficial do VII Carballo Interplay
- A evolución da crise sanitaria obriga ao Carballo Interplay a trasladar todas as actividades á rede
- A primeira edición 100% na túa casa do Carballo Interplay arrinca na rede coa webserie Xan
- Victoria Martín e Carolina Iglesias conquistan o palmarés do Carballo Interplay con Válidas
Vídeo resumo do Carballo Interplay 2020
26 de novembro de 2020 - O Carballo Interplay cumpriu este 2020 sete anos de vida, convertido no festival de contidos dixitais máis importante do Estado. Unha cita de referencia para o sector dixital global que cada ano ofrece, dende Carballo para o mundo, unha panorámica da innovación na rede a nivel galego, español e internacional, cunha completa Sección Oficial con webseries de todo o mundo e cun programa de actividades coas que aprender e divertirse arredor dos contidos para Internet. Esta sétima edición do Carballo Interplay trasladouse á rede, onde ofreceu 26 horas de contidos dixitais, en directo, que miles de persoas gozaron de xeito libre e gratuíto a través de tres plataformas: Youtube, Facebook e Twitch.
Tan só en Youtube hai acumuladas máis de 3.400 horas de visualizacións das citas do festival
O programa 100% na rede do VII Carballo Interplay acadou na semana do festival máis de 23000 reproducións, sumando máis de 3400 horas de visualización só en Youtube. Gran parte deses contidos son de creación propia do festival e continúan na rede, engadindo visualizacións e achegando así a miles de persoas de todo o mundo os contidos clave desta edición: o machismo nos videoxogos, a comedia feminina que medra vizosa nas barricadas de Internet, a capacidade das tecnoloxías de vangarda para axudarnos a afrontar a crise sanitaria (e outras crises que aínda non intuímos) e, sobre todo, o talento dixital galego e en galego que agochan as series, os podcast, a música ou o youtube do país.
O equipo do Carballo Interplay agarda recuperar a presencialidade no 2021, para poder seguir creando espazos físicos de convivencia e sinerxías entre creadores e creadoras, como viña facendo dende o seu nacemento. Porén, recoñece que as actividades desta edición chegaron a moitas máis persoas das que caben no auditorio do Pazo da Cultura de Carballo, o que demostra a fortaleza do festival no seu papel como epicentro da vangarda de contidos dixitais do Estado e implica asumir que pase o que pase no futuro non se poderá renunciar á potencialidade da difusión a través da rede.
Un ano de reconstrucións
Con todo pronto para a súa celebración, prevista para a primeira semana de abril, a primeira onda de COVID-19 obrigou ao Concello de Carballo -organizador do evento- a adiar a VII edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay. Xose Regueira, responsable da Concellaría de Promoción Económica e Turismo da localidade, comunicou que a cita se supendía, temporalmente, "por responsabilidade" e para "evitar risco de contaxio". O evento é a cita coa creación de contidos audiovisuais para internet máis importante do Estado e estaba prevista a participación de ducias de profesionais e artistas de España, así como dun importante grupo de empresas e institucións de Portugal e centos de escolares de toda Galicia. Aínda que, naquel momento, a COVID-19 as autoridades sanitarias non impedían expresamente celebrar o Interplay, a maior parte das actividades programadas implicaban a participación de persoas chegadas dende distintos puntos da península e as crecentes recomendacións de limitación da mobilidade da poboación que habita zonas de risco, para evitar a transmisión da enfermidade, levou a organización do Carballo Interplay a tomar esta difícil decisión.
No verán, a organización do Festival de Contidos Dixitais anunciou a celebración dunha edición "híbrida" os días 18, 19, 20 e 21 de novembro. Mantendo o criterio da "responsabilidade colectiva" e a prioridade de "evitar calquera risco de contaxio", o equipo do evento deseñou un formato feito a medida para o festival, que priorizaba os contidos virtuais pero que complementaba as retransmisións vía streaming con actividades presenciais, con aforos reducidos e observando todas as medidas dictadas polas autoridades sanitarias.
Porén, dez días antes de por en marcha o festival, o impacto da segunda onda da pandemia obrigou ao Carballo Interplay a reiventarse por terceira vez este 2020. "A propia realidade obrigounos a trasladarnos a esta época de pandemia", dixo o alcalde de Carballo, Evencio Ferreiro, "e a cumprir con todas as normativas sanitarias en cada momento". "A cultura é segura", afirmaba a directora do Carballo Interplay, Sonia Méndez, "dende a organización do festival non temos dúbida ningunha ao respecto, pero a evolución da crise sanitaria e as restricións de movemento dictadas polos distintos gobernos autonómicos ao longo dos últimos días para afrontar esta segunda onda da COVID obríganos a repensar a conveniencia de manter as actividades presenciais nestas condicións". "O Carballo Interplay é un festival de contidos dixitais", recordaba, "vimos da Internet e este ano imos ter que volver á rede, para coidar, para coidarnos e para demostrar que a esencia do festival non reside en nada máis que en compartir creatividade e amor dixital, ben sexa en persoa ou a través das plataformas". "Benvidos, benvidas de novo a Carballo", remataba o alcalde da localidade, "e pese a que as circunstancias son distintas, que o disfrutemos como nunca".