Carballo a un paso

Inicio // Artigos // 31 webseries de Europa e América compiten na...

Compartir:

31 webseries de Europa e América compiten na sección oficial do VII Carballo Interplay

Do 18 ao 21 de novembro veranse propostas de Arxentina, Uruguai, Chile, Estados Unidos, Canadá, Reino Unido, Austria, Francia, Portugal e España

31 webseries de Europa e América compiten na sección oficial do VII Carballo InterplayO festival celebrará do 18 ao 21 de novembro unha VII edición "híbrida" que ofrecerá unha coidada selección de propostas de Arxentina, Uruguai, Chile, Estados Unidos, Canadá, Reino Unido, Austria, Francia e Portugal, ademais de Galicia, Cataluña, Euskadi e do resto de España.

NOVAS RELACIONADAS:
Chega o festival de contidos dixitais Carballo Interplay: do 18 ao 21 de novembro!
- Brays Efe, Living Postureo, Percebes y Grelos ou Lorena Iglesias: no VII Carballo Interplay

Fotograma de Válidas, webserie a concurso no festival

Fotograma de Válidas, webserie a concurso no festival

4 de novembro de 2020 - 31 webseries de todo o mundo competirán na sección oficial da sétima edición do Festival de contidos dixitais Carballo Interplay, que se celebrará os días 18, 19, 20 e 21 de novembro atendendo ás restricións dictadas polas autoridades sanitarias, e que repartirá máis de 5.500 euros en premios. A organización do festival elixiu, entre as propostas chegadas de todo o mundo, un total de 7 series galegas e en galego, 10 do resto de España e 14 do resto do mundo. Cada un destes bloques competirá por cadanseu premio de 800 euros, que decidirá o xurado do festival, composto por Brays Efe, Alfonso Zarauza, Fernanda Tabarés, Guillermo V. Zapata e Andrea Gumes.

Ademais, o público decidirá cos seus votos entre todas elas un premio de 400 euros e un xurado novo composto por Laura Méndez, Antía Suárez e Jaime Regueiro entregará outro premio de 400 euros. A Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG) patrocina un premio ao mellor guión dotado con 200 euros e a Asociación de Profesionais da Dirección e a Realización de Galicia (CREA), un un premio á mellor dirección dotado, tamén, con 200 euros. Finalmente, entregaranse os galardóns á mellor actriz e ao mellor actor.

Humor e comedia

Fernanda Tabarés, integrante do xurado

Fernanda Tabarés, integrante do xurado

Entre as webseries internacionais que se poderán ver no VII Carballo Interplay hai propostas de Arxentina, Uruguai, Chile, Estados Unidos, Canadá, Reino Unido, Austria, Francia e Portugal. A maioría das series son en español (13) e galego (7), pero tamén se escoitarán historias en inglés (3), francés (3), alemán (2), portugués (2), euskera (2) e catalán. O Carballo Interplay ofrecerá, así, unha completa panorámica do que se está cocendo no mundo das webseries a nivel global. Atendendo a esta panorámica, a comedia segue sendo a fórmula preferida polas creadoras e os creadores dixitais para contar as historias máis diversas, dende o entretemento sen pretensións á comedia negra con transfondo social. 18 das 31 webseries finalistas empregan o humor e a porcentaxe mantense no total das propostas recibidas.

O público deste VII Carballo Interplay poderá ver varias parodias dun sector audiovisual que se ri de si mesmo e das peripecias que deben atravesar as e os artistas para chegar a conectar co seu público (e para gañar cartos facéndoo!), varias comedias xeracionais, frescas e sen complexos, protagonizadas por mulleres e varias comedias con trasfondo social e/ou con vontade divulgativa. Tamén hai humor repunante, humor negro, humor absurdo e humor triste e viral. E, por suposto, proxectos que atravesan os límites dos xéneros para crear mesturas como a comedia zombie, a crítica cinematográfica gore (e divertida) ou a ficción cómica ao servizo da promoción turística.

Varios dos proxectos finalistas nesta VII edición do concurso de webseries decano de España empregan, de feito, a creatividade audiovisual dixital como unha fórmula para a divulgación histórica, patrimonial, turística ou de saúde sexual e reprodutiva. Trátase de propostas producidas ou respaldadas por entidades públicas que empregan as fórmulas propias das webseries para conquistar públicos máis novos e diversos. Tamén hai thriller, terror, drama e varias historias con trasfondo social ou que usan a autoficción como ferramenta para falar do trauma social e íntimo do exilio e da emigración.

Gala de clausura en streaming

Os nomes das webseries gañadoras coñecerase, como cada ano, na Gala de clausura do festival, que se emitirá por streaming e que adapta a súa temática á actualidade, reflexionando sobre esta nova forma de relacionarnos entre os seres humanos que xurde durante a pandemia. O mestre de cerimonias será o actor e presentador Xosé Barato, que -baixo a dirección de Sandra Lesta- encarnará a Xoan Manoel Esparís, divulgador das claves do Amor en Dixital.

Toda a info ao día en www.carballointerplay.com e nas redes sociais do festival:

FACEBOOK
 - https://www.facebook.com/carballointerplay
TWITTER
 - @InterplayFest
INSTAGRAM
 - @carballointerplay


    Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica