O Rexenera Fest enche de cores o verán de Carballo
O festival internacional de arte pública celebrarase entre o 16 e o 26 de xullo con 5 artistas de Madrid, Cataluña, Galicia e Euskadi
Carballo volve a acoller o Rexenera Fest! O festival de arte pública celebrará a súa sexta edición entre o xoves 16 e o domingo 26 de xullo de 2020 con cinco artistas convidados. A cita adoita celebrarse todos os anos a finais do mes de maio, pero a pandemia da COVID-19 obrigou a aprazar o festival que sempre invade Carballo coas brochas, sprays e pinceis e chea de cor os muros da localidade. Finalmente o Rexenera poderá celebrarse con todas as medidas de seguridade e prevención que esixe a situación sanitaria.
E aínda que, precisamente debido á situación sanitaria, estaba previsto que o festival consistira exclusivamente en pintar cinco murais de grande formato, finalmente celebraranse algunhas actividades paralelas como visitas guiadas -para grupos moi reducidos en aras da seguridade- para ver a evolución dos murais día a día; directos en Instagram que permitirán ver conversas cos artistas; ou xogos para cativos e cativas e tamén para adultos que servirán para coñecer mellor a arte urbana e as xa máis de 75 obras de Carballo dunha forma lúdica.
Os artistas e as localizacións
- Xoana Almar (Galicia): Rúa Salgueiro, 5. Xoana formouse como ilustradora, economista e antropóloga. Estudou en Granada e é alí onde comeza a traballar no eido da pintura a partir do 2008. No 2013 volve a Galicia e constitúe xunto a Miguel Peralta e Raquel Doallo a cooperativa Cestola na Cachola, onde traballa como muralista, pintora e ilustradora. No seu traballo hai influencias de artistas clásicos/as da pintura galega e doutros actuais, especialmente relacionados co mundo da ilustración e o muralismo. A través das súas personaxes, maioritariamente femininas, sobresae unha busca de formas sinxelas coas que tenta expresar unha personalidade ou historia de vida.
- Sabek (Madrid): Rúa Bos Aires, 23. Sabek comeza a súa andaina intervindo nas rúas e recunchos abandonados dos arredores de Madrid, onde desenvolve o seu particular estilo nos primeiros anos 2000. Co paso do tempo evoluciona cara a creación de obras máis figurativas e comeza a experimentar con diferentes técnicas ademais do seu traballo nas rúas. O seu estilo recoñécese pola representación das formas e cores que aluden á orixe natural, especialmente a través daqueles animais nobres e poderosos que infunden unha forte sensación de respecto. A súa obra propón unha reflexión ao redor do ser humano e a súa relación coa natureza, a representación animal amosa a alegoría entre o equilibro natural e as enerxías nela implícitas mediante formas minimalistas vexetais e humanas. O seu traballo pódese atopar en galerías de España, Francia ou Estados Unidos, así como en monumentais muros ao redor do mundo (EE.UU., Francia, España, Malaisia, Rusia ou Nova Zelandia).
- Elisa Capdevila (Cataluña): Rúa Venezuela, 24. A súa carreira artística comezou en 2014 estudando pintura e debuxo na escola tradicional de Barcelona. Nesa época pinta os seus primeiros murais, ao comezo como un simple exercicio onde o lenzo foi substituído por unha parede, pero co tempo dáse conta das posibilidades da arte urbana e decide enfocar o seu traballo a proxectos a unha meirande escala. Dende 2017 traballa activamente en festivais de arte urbana e desenvolvendo grandes murais tanto a nivel nacional como internacional, sen deixar de lado o traballo de estudo en lenzo.
- Reskate Studio (Cataluña e Euskadi): Rúa Santa Ana, 10. Reskate é un colectivo artístico formado por María López e Javier de Riba, artistas visuais de Donostia e Barcelona respectivamente. O seu taller e estudo está situado no barrio de Sants de Barcelona. Influenciados pola pintura clásica de letreiros, a cultura popular e polo deseño gráfico, o seu traballo inclúe murais, ilustracións, exposicións e instalacións. Nos seus murais presentan obras que conectan co espazo que os rodea, representando historias e feitos da cultura local.
- Sokram (Galicia): Avenida da Milagrosa, 71. Sokram é un creativo multidisciplinar; ilustración, muralismo e tamén a música centran a súa principal actividade, ademais da faceta como curador e organizador de varios festivais de arte urbana dende Mutante Creativo. Algúns exemplos son DesOrdes Creativas ou o propio Rexenera Fest. O seu traballo no espazo público varía en canto a mensaxe, contido e forma segundo o emprazamento, sempre coa intención de xogar co entorno no que se sitúa a peza, aproveitando as formas da propia parede, obxecto ou edificio para realzar a composición final. O seu traballo visual posúe un forte compoñente social, crítico ou sarcástico. Nos seus discursos destaca o gusto pola ironía e os dobres sentidos no tratamento dos temas escollidos. O seu particular estilo bebe do graffiti, do cómic underground americano, da ilustración Lowbro contemporánea e do deseño gráfico, mesturando unha liña firme e contundente con volume e elementos vectoriais que se sustentan baixo unha ampla gama cromática e rica en matices.
Actividades paralelas
- XOGO DE PESCUDAS PARA FAMILIAS: de balde con inscrición previa.
DATAS: do 16 ao 26 de xullo.
LUGAR: recollida de pistas no Museo de Bergantiños (Rúa Martín Herrera, 8).
INSCRICIÓNS E +INFO: en turismo@carballo.gal ou no 981 702 077.
PARA TODOS OS PÚBLICOS
PREMIOS PARA OS PARTICIPANTES QUE REMATEN O XOGO
- BUSCANDO OURO: de balde con inscrición previa.
DATA: 24 de xullo.
HORARIOS: de 19.00 a 21.00 h.
LUGAR: recollida da primeira pista no Museo de Bergantiños (Rúa Martín Herrera, 8). INSCRICIÓNS E +INFO: en turismo@carballo.gal ou no 981 702 077.
PREMIOS: Serigrafías de edición limitada e pack de merchandising para os 3 primeiros en finalizar a busca.
PARA MAIORES DE 14 ANOS
- VISITAS GUIADAS: de balde con inscrición previa.
HORARIOS: de 11.00 a 12.00 h. pola mañá; de 20.00 a 21.00 h. pola tarde.
PRAZAS: grupos dun máximo de 10 persoas.
LUGAR DE SAÍDA: Museo de Bergantiños (Rúa Martín Herrera, 8).
INSCRICIÓNS E +INFO: en turismo@carballo.gal ou no 981 702 077.
PARA TODOS OS PÚBLICOS
- CONVERSAS COS ARTISTAS POR INSTAGRAM
DATAS E HORARIOS:Publicaranse durante o festival nas redes sociais do Rexenera Fest:
- FB: https://www.facebook.com/rexenerafest/
- TW: https://twitter.com/RexeneraF
- IG: https://www.instagram.com/rexenerafest/
- TODA A INFO POLO MIÚDO EN: