Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Carballo, concello ecolóxico!

Compartir:

Carballo, concello ecolóxico!

Estamos entre as 10 poboacións europeas de menos de 100.000 habitantes con mellores prácticas medioambientais e maior compromiso verde

Praia de Razo

Praia de Razo | 📷 Turismo Carballo

No século XXI o turismo e a xestión urbana teñen que ser sostibles e respectar a natureza. Por iso dende Carballo trabállese dende hai anos a prol da creación dun concello que respecte o medio ambiente. E o traballo vén de dar os seus froitos: Carballo está no Top 10 das cidades europeas de 20.000 a 100.000 habitantes con mellores prácticas ambientais, un maior compromiso co crecemento verde e unha maior promoción da concienciación cidadá en temas medioambientais. Así o recoñece o 8º posto que vén de outorgarnos un equipo de 12 expertos europeos encargados de analizar e avaliar as memorias das 18 cidades de todo o continente seleccionadas como candidatas ao premio Folla Verde Europea (European Green Leaf 2021). O noso concello acadou moi boas valoracións nalgunhas das seis áreas temáticas, aínda que destaca o 4º posto na de Residuos e Economía Circular.

Acadamos o Top trala análise realizada con motivo da candidatura aos premios Folla Verde Europea 2021

Na área de cambio climático e eficiencia enerxética, os expertos avaliaron moi positivamente o feito de que Carballo fose o primeiro concello galego en implantar a tecnoloxía LED en todo o alumeado público, acadando un 80 por cento de aforro en consumo enerxético; así como os proxectos presentados ao IDAE (Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía): “Carballo sostible: enerxías renovables e eficiencia enerxética dos edificios públicos” e “Cicl-Ando Carballo”, que vén de conseguir o máximo financiamento europeo. A adhesión ao Pacto dos Alcaldes e a redacción do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES) mereceron unha mención especial.

A nosa excepcional costa e a píllara das dunas

En canto a mobilidade urbana sostible, as accións mellor valoradas están relacionadas co fomento da mobilidade peonil (Metrominuto), a redución da velocidade urbana a 30Km/hora e as iniciativas para facilitar o aparcamento mediante a zona azul e os convenios con particulares para crear grandes bolsas de estacionamento no centro urbano. Así mesmo, a elaboración da Estratexia para a mellora do espazo público e a mobilidade urbana recibiu moi boa valoración. As políticas de protección, xestión e sensibilización cidadá cara o medio ambiente promovidas polo Concello de Carballo son destacadas polos expertos na área de natureza, biodiversidade e uso sostible do territorio, no que, ademais de sinalar que estamos “bendecidos por un hábitat costeiro significativo”, poñen en valor tamén a protección de especies como a píllara das dunas.

No apartado de calidade do aire e ruído, os aspectos mellor valorados son as ordenanzas de ruídos e de tráfico. E polo que respecta á auga, os expertos destacan o proxecto Anllóns-Bardoso e a extensión das redes de abastecemento e saneamento a todo o territorio, así como as campañas informativas e de concienciación social. Así mesmo, os expertos poñen Carballo Limpo como exemplo de integración social, laboral e respecto medioambiental, e que ten moi boas valoracións para ser incluído no Manual de Boas Prácticas da Unión Europea. As cidades finalistas son Elsinore (Dinamarca), Gabrovo (Bulgaria), Lappeenranta (Finlandia), Nyborg (Dinamarca) e Ringkøbing-Skjern (Dinamarca). Parabéns a todas elas!


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica