Carballo celebra un Día das Letras Galegas virtual: #desdeamiñacasiñameular
O domingo 17 conéctate a partir das 12.00 a Youtube e desfruta dunha hora para celebrar o día da nosa lingua con música, teatro e diversión
Este ano celebramos o Día das Letras Galegas #desdeamiñacasiñameu lar, cun novo formato de cultura dixital que che permitirá ser espectador/a pero tamén interaccionar sen moverte do salón, do dormitorio ou da cociña. Neste 17 de maio, dende a Concellaría de Cultura trasladan a programación dende a Praza do Concello ata a Rede para que en calquera recuncho das vosas casas podades explorar outro xeito de vivir as letras a través de diferentes propostas culturais “made in” Carballo. Este domingo engánchate ás nosas redes! A partir das 12.00, a través da canle de YouTube ou das páxinas de Facebook de Cultura Carballo e Concello de Carballo desfrutaremos dunha hora de entretemento, música, teatro e humor coa participación da regueifeira Lupe Blanco, das insubstituíbles Banda Municipal de Gaitas e Banda de Música do Conservatorio, e, este ano, tamén, da compañía de teatro Galeatro, ademais das colaboracións especiais de Vagalume Animación e Rosalía Fernández Rial.
Un elenco moi carballés para unha datas máis importantes da cultura galega. Como data sinalada que é, o domingo 17 estaremos de estrea. Galeatro, a única compañía de teatro profesional de Carballo, ofreceranos en directo e #dendeasúacasiña o espectáculo“Brincando coas letras”, unha proposta de cultura dixital preparada para a ocasión e na que conflúen o interese da compañía por explorar novos formatos artísticos e a aposta da Concellaría de Cultura por fomentar unha cultura dixital de calidade.“Brincando coas letras” é unha proposta de Alba Bermúdez e Toné Martínez que ten como protagonista a Xan, o participante nun concurso que probablemente necesite a axuda do público para acadar o premio final. Bótaslle unha man? Conéctate ás nosas redes o domingo 17 e celebra o Día das Letras Galegas con Xan e con Galeatro.
Concurso
Deste xeito, ademais, e fronte ás limitacións de aforo que existen nestes momentos para a celebración de espectáculos culturais, tanto ao aire libre coma en espazos pechados, este ano utilizaremos o “auditorio” máis grande do planeta: Internet. A través da canle de YouTube do Concello de Carballo e das páxinas de Facebook de Cultura Carballo e Concello de Carballo asistiremos, en directo, a un espectáculo para todos os públicos feito dende Carballo para o mundo.
E se tes unha conta en Instagram, aínda estás a tempo de participar no concurso audiovisual #desdeamiñacasiñameular. Envíanos un vídeo lendo un texto de calquera dos autores e as autoras homenaxead@s, ou, se o prefires, unha fotografía, debuxo ou ilustración alusiva ao día grande das nosas letras. Utiliza o hashtag #desdeamiñacasiñameular e etiqueta @carballomola. Se non te atreves ti só ou soa, convence á túa familia e sube un vídeo ou foto de grupo. Temos moitos premios!Aquí abaixo contámosche como participar.