Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Para coñecer a comarca a golpe de pedal: XIII...

Compartir:

Para coñecer a comarca a golpe de pedal: XIII Marcha Cicloturista a Bergantiños

O percorrido transcorre por fermosas paisaxes de Buño, Ponteceso, Malpica, Razo e Baldaio e ten unha duración aproximada de tres horas e media

Marcha Cicloturista a Bergantiños

Unha das citas deportivas do Club Ciclista Carballo | 📷 Club Ciclista Carballo

Queres coñecer Bergantiños en bici? Pois o domingo 15 de marzo tes unha oportunidade única de facelo grazas á “XIII Marcha Cicloturista a Bergantiños”. Ten un percorrido no que podes ver paisaxes de grande interese turístico e de fermosas vistas, como o espazo natural Razo-Baldaio, o mirador de Santa Irene de Castrillón, en Lema, ou o Faro de Brantuas, cunha interesante panorámica da costa de Corme cara a Malpica. Xa é a edición número 13 desta cita non competitiva que sempre congrega a numerosos afeccionados do pedal. Con saída e chegada en Carballo, podedes inscribirvos até o 8 de marzo clicando aquí: https://www.championchipnorte.com/evento/detalle/page/2/id/2039/xiii-marcha-cicloturista-a-bergantinos.

Poden participar deportistas maiores de 15 anos con licenza federativa; trátase dunha proba non competitiva

A cita está organizada polo Club Ciclista Carballo, en colaboración co Concello de Carballo e coa aprobación da Federación Galega de Ciclismo. Respecto dos detalles técnicos, a marcha será de velocidade controlada, e a participación está aberta a todos os deportistas maiores de 15 anos en posesión de licenza federativa, ben sexa esta anual ou de un día. Os deportistas con licenza dun so día e menores de idade deberán acompañar ao boletín de inscrición unha autorización asinada polo seu pai, nai ou titor legal para poder participar. A XIII Marcha Cicloturista a Bergantiños comezará ás 10.00 horas do 15 de marzo de 2020 saíndo do Pavillón Vila de Noia, onde estará ubicada a Oficina Permanente. A organización porá á disposición dos participantes servizos e duchas (no propio pavillón) así como aparcamento para os seus vehículos na rúa Vila de Corcubión.

Así que, xa sabedes, non tendes excusa para ir dándolle a benvida á primavera pedaleando pola nosa comarca!


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentación y medio ambiente Xunta de Galicia Deputación da Coruña Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atlántica