Se che gusta o running e a natureza: Carballo Trail Race
Xa está aberto o prazo de inscrición para esta carreira que mide as vosas forzas con dous percorridos: un de 30 e outro de 11 quilómetros
A natureza, o deporte e a diversión conflúen un ano máis na carreira Carballo Trail Race, unha cita co running o domingo 2 de febreiro na que poderedes medir as vosas forzas ao tempo que gozades das mellores paisaxes de Carballo. Xa está aberto o prazo de inscrición: até o luns 29 de xaneiro ou ata cubrir as 400 prazas dispoñibles. Como en anos anteriores a carreira ofrece dúas opcións, o trail longo, de 30 quilómetros e 900 metros e cun prezo de inscrición de 10 euros; e o trail curto, de 11 quilómetros e 500 metros cunha inscrición de 6 euros. En calquera dos casos, o percorrido transcorre polas fermosas paisaxes de Carballo: a costa, o río, o bosque..., nunha competición case única en toda a Costa da Morte.
Trátase dunha proba oficial da Federación Galega de Atletismo (FGA) na que a saída para as dúas opcións está emprazada na Praia de Razo ás 9:30 horas. A meta do trail longo será na Rúa Vila de Corcubión, a carón do pavillón Vila de Noia; e a do trail curto será no Local Social da parroquia de Cances. O percorrido pasa pola praia de Razo, a vía de acceso ao porto de Razo, a Ruta Pinos do Mar, o lugar de Santa Mariña, o Monte Neme ata o cumio, paso pola nova estrada Carballo-Malpica á altura de Cances e logo paso polas Antigas Escolas de Cances até o Centro Social (meta do trail curto). Logo segue polo monte de Liñeiro, o Monte de Vilanova, o Muíño rego de Liñeiro, Vilanova, A Constenla, Muiño da Torre, Ponte das Gargas, A Devesa, A Cepeira, o Muíño do Quinto, e logo xa o traxecto pola capital municipal (cruce da Rúa Fomento, Rúa Río Anllóns, Rúa Río Miño, San Martiño, Cruce da rúa Milagrosa, Paseo do Anllóns e Rúa Vila de Negreira) até a Rúa Vila de Corcubión.
Inscricións
As formas e lugares de inscrición son:
- Na web www.carreirasgalegas.com
- Na web www.carballo.gal, na ligazón creada ao respecto.
- + info sobre a proba e asesoramento para a inscrición: nas oficinas do Concello de Carballo “Carballo Deporte” situadas na rúa Corcubión sn e teléfono 981 702 109.
Ponte en forma tamén no inverno e coas mellores paisaxes! Apúntate!